lundi, novembre 02, 2009

A CABEZA AZEBAC A CABEZA AZEBAC A CABEZA




DO OUTRO LADO DO FÍO, refírome á tubería que une o campo de abaixo coa inmensa morada oceánica de Outos Uaim, puiden albiscar unha figura humana estrañísima.Saín por unha fenda que atopamos até dar cun camiño estreito, moi moi estreito. A estraña presencia levaba o pelo arredor da cabeza, pegadiño ás orellas e tiña nas mans un pau bastante gordo co que afastar as malas herbas que medraban por entre as pedras do camiño.
Curioso, pensei, esta alma de deus leva unha saia tan grande que non se revolve. Certo, a saia ocupaba hectáreas e hectáreas, pero, de non prestar atención, nin me decataría pois, polo medio da tea, agromaban margaridas de todas as cores… Era como un pradairo artificial. Insólito.
Que miras, paspán, que fas que non andas? Corre, desaparece da miña vista!
Eu calada. Confundírame cun home!
Que, pensas pasar así toda a tarde?. Non, dixen, pero quen é vostede?. Eu son a que son, neno intrigante! Outra vez máis! Volveu tratarme coma se fose un rapaz! A muller grande seguiu o seu camiño cantando, esfuracando co dedo nas cavidades abisais do seu nariz, en extremo delicada.
Ai, se me perdera, se caera por ese conduto horroroso… Como se me lera o pensamento, a muller da saia infinita botou aire polo seu nariz e unha fervenza branquísima arremuiñouse arredor daquel corpo vello. Teño o mar todo dentro da cabeza, e teño aire e terra e amor e fame. Teño de todo, practicamente.
Cantas cousas leva con ela, pensei, como pode cargar con tanto peso?

Dentro da cabeza cabe de todo, ideas propias e estrañas, promesas de amores mortos e frases inconclusas. O mar e a terra. Todo, absolutamente todo o que queiras, poderá entrar dentro. Até un propio pode vivir alí. Hai que ten a cabeza deshabitada. É raro pero sucede. E non porque a cabeza en cuestión sexa estreita. Nada que ver con iso!

Eu coñecín un home coa cabeza chea de nubes. Era un home triste.
Traía nos ollos restos dun naufraxio. Entrei e saín da súa cabeza como se nada porque nada había…