jeudi, septembre 30, 2010

FOLGA XERAL (artigo publicado en La Región, cun erro corrixido)







FOLGA XERAL
O caso é que a cousa está mal. Fea. O paro aumenta, as condicións laborais son pésimas e o medo fai o resto. No entanto, a clase traballadora decidiu explicitar o descontento cunha mobilización popular e isto parece amosar que aínda existe certa esperanza para unha política de base, potente e firme, capaz de xerar espazos políticos nas rúas tristemente “despolitizadas”, se é que iso é posíbel. Digamos que cómpre modificar a nosa idea do que é a política, pois resulta evidente que o termo en cuestión está prostituído na medida en que é exercida a base de intereses particulares, clientelismo e, porque non dicilo, unha boa dose de demagoxia conservadora e moralizante. Así, a folga pon de manifesto, unha vez máis, que a verdadeira política faise na rúa, sendo os seus protagonistas as persoas. Homes e mulleres con capacidade de protesta, que non esperan a que todo se calme e miran para dentro, para salvaren o cú, obviando calquera tipo de solidariedade. Como sucedeu en Franza no século XVIII, o desexábel ha ser visibilizar que somos moitos máis os cidadáns e cidadás de a pé que a clase política institucional ou empresarial. Non debemos deixar que decidan un par de estamentos –vou recuperar esta palabra, con ironía, recoñézoo- o que ha ser a nosa vida en sociedade. Sobre todo cando somos maioría numérica. Por iso é imprescindíbel a conciencia de clase, saber que iso de xuntármonos todos nunha bóla social informe e postmoderna, constitúe unha auténtica falacia. Dicía Quevedo no seu libro, El Buscón, que un non se converte en bo por pegarse a aqueles que o son. Certo. As obreiras dunha conserveira, por exemplo, non virarán burguesas nunca. Por moito que fagan cartos. Teñan un iphone e tantos outros tics materialistas da modernidade ansiosa. O intento de aproximación ás elites reflicte certo complexo de clase e un claro problema de identidade. Son estas elites as que deben reformular o seu concepto egoísta da vida que tanto lles gusta disimular practicando a caridade reaccionaria. A terra é de todos e de ninguén. Calquera propiedade ha ser expropiada polos que veñen tras de nós. O único que nos pertence é a liberdade. Amar e que nos amen.

ROSA ENRÍQUEZ