jeudi, mai 01, 2008

HUIS CLOS



Un lugar estraño, unha escaleira estreita e a identidade fragmentada. Así viviu Elisabeth Fritzl durante 24 longos anos, metida entre catro paredes, co útero resentido polo abuso dun pai que todos tildan agora de psicópata... Eu creo que non padece enfermidade algunha, simplemente é malo, perverso, desviado.
O noso cerebro é unha totalidade que contén no seu interior áreas escuras, zonas azuis metalizadas, grises intencións potenciais que se retorcen ata saír fóra en forma de violencia psicolóxica e física. Terríbel. Cando penso nesta muller envellecida pola desidia e o abandono, pois ten con corenta e dous anos o aspecto dunha muller de sesenta, sinto unha furia potente, algo que desanoa as cordas íntimas e distorsiona o entendemento porque, sinceramente, non entendo nada.Imaxino que Elisabeth esqueceu nese zulo cal era a súa identidade, cal a súa casa e cales as lembranzas.Estaba dentro dun inferno imperioso e denso,como o de Sartre en Huis clos (Portas fechadas)e, coma no mellor dos thrillers, descobreu que l'enfer c'est les autres.
Preguntábame o outro día unha amiga como pensaba eu que puido permanecer esta muller cautiva coa mente sá e non tolear alí dentro. Eu fiquei en silencio uns minutos, tentando dar coa resposta.Difícil.
Finalmente e tras darlle voltas ocorréuseme que, talvez, alterou a propia realidade para acomodala ás súas necesidades de continuar viva. Creo que, se cadra, rematou aceptando a situación, entregándose, deixando as armas na mesa. Atreveríame case a afirmar que Elisabeth Fritzl morreu hai vinte e catro anos, agora só quedan restos, ruinas. Meteuse no fondo dos soños e alí permaneceu acochada todo o tempo. Non sei se será posíbel rescatala de si mesma.