mercredi, mai 09, 2007

UNHA PARTY NO NAVUNGALOW

Esta é unha boa imaxe da festa de verán que celebra Asor no seu navungalow para confraternizar cos híbridos. Normalmente acuden todos. Gústalles a tertulia, o baño e o fantástico chocolate xelado que prepara a deliberante acompañado dunha bebida oxixenizante con sabor a Linxel, unha herba aromática que medra nas terras de OboloB, na cima da Montaña Rosa, lugar no que a muller-mapoula viu a luz dese ceo trisolar de Aretx por primeira vez, tras saír despedida da gran barriga celeste. Esta herba sabe parecido ao que na terra coñecemos como limóns e ten un poder relaxante que libera endorfinas. Con esta pócima Asor engaiola aos híbridos. O único que fastidia un pouco esta recepción asorita é cando Sennar, o gato alado de Asor, non está de bo humor. Entón a festa decae un pouco pero a deliberante non se preocupa porque sabe que Sennar é moi impulsivo e logo se lle pasan os fumes contaminantes. Para que nos entendamos, Sennar ten ciumes de Esmar, o Cabaleiro do Infinito porque sabe que Asor o ten en grande estima e lle conta moitos secretos. As veces os que temos corazón amamos e odiamos, damos e pedimos... Somos imperfectos. A nosa amiga ten en conta estas cousas e procura que este gato as supere.
Na festa Asor pon os víveres e a música e os híbridos agasállana con algunha cousiña, para sorprendela. Saben que lle gustan moito as caixiñas de música así que xa a obsequiaron con varias. A máis recente que lle deron foi unha caixa azul con estreliñas verdes que ao abrila bota bicos amarelos e canta un na-na-na-ná que fai nacer dentro do que a abre un soño de arcos da vella como un feitizo de calma redentora. Sennar comeza a tertulia e Pigmalion o contrapunto. Este híbrido sempre está en contra de todo. Gústalle levar a contraria para provocar a furia da asorita. Esmar ponse nervioso, os ollos danlle voltas e as ideas bulen na súa cabeza coma tolas. Neste punto Gobertrand estende a súa maxestade de capa lapislázuli e pronuncia a palabra máxica: XARACAX.
Entón todos os híbridos fican mudos. A discusión remata. A deliberante chisca un ollo a este ser de luz e bota un riso. Gobertrand, o magno, o híbrido das cinco capas, reponde a ese riso cun brillo de azul ocular que transporta, que eleva... Esmar ponse contento, gústalle a paz.
Aquí, na terra, deberíamos ter tamén unha palabra máxica como XARACAX , que significa "somos irmáns", quizabes así perderíamos esa raiva que nos devora tantas veces.
A party continúa e Sennar comeza a estar un pouco pasado. Gústalle moito o Linxel.