samedi, octobre 26, 2013

CANTOS DE MALDIZER







CANTO CATRO

... tras da ollada-a miniatura ficou estantía. con medio corpo fóra da boca e non dixo ren. pero non podería permanecer moito tempo naquel estado. as cousas móvense-é certo-mais en que sentido dicimos isto? móvense de lado a lado ou van de adiante cara atrás? buscan talvez un punto ao que dirixirse? existe este punto?


o punto-como destino-ese lugar no espazo tridimensional-suspendido no aire-como se-despois de voar moito-parase nalgún momento-por algunha estraña razón-e puider botarnos ollo enriba ou falarnos. mírame-diría o punto-son esa exactitude que pretendes e que eu mesmo desprezo-sácame de aquí-é insoportábel estar quieto...


... e a miniatura volveu meter o corpo na grota. camiñou novamente por riba da espiña-fixo do temor e da indolencia que este produce-un espazo minimamente habitábel para sobrevivir-quería coller aire-antes de volver saír. miña delicada miniatura-sempre en equilibrio.

mardi, octobre 22, 2013

MEME DOS LIBROS

MEME DOS LIBROS

Envioume Txiki Calvo un convite para facer un meme de libros e, como che son ben guiadiña, cando quero, respondín a todiñas todas as preguntas que se me fixeron. Aí están!!

Envío este Meme a Navicularia, o blog de Neves SOUTELO, ao Figurante e  a Porta Verde


1º- O último libro que liches.
    Frankenstein ou o moderno Prometeo, de Mary Shelley. Era unha desas novelas que quedan por ler até que as les e punto pelota.
    2º- O libro que mudou o teu xeito de pensar.
    Buf... A ver, por elixir un, eu diría que El espectador emancipado, de Jacques Rancières. Xa é o segundo que lle leo a este señor e a piques estou de crear un grupo de fans ;)
    3º- O último libro que che fixo chorar.
    Carné de identidade, de Mahmud Darwix. O salmo 8, concretamente, pareceume durísimo. Iso de se erguer, despois de ter morto, e escribir o nome da terra no propio cadáver, ou nun rifle, arrincoume algunhas bágoas. A verdade é que xa me entrara a angustia poemas atrás.
    4º- O último libro que che fixo rir.
    Pois, mira ti, co Manifesto SCUM, redactado por Valerie Solanas, en 1968, rin a cachón!! Sei que non é un “libro libro”, mais valerá. Mellor que Miguel Mihura dende logo!! (Que cousas me veñen á cabeza ás veces, meu! Han ser efectos poscoloniais.)
    5º- O último libro que prestaras e non che devolveran.
    Nin idea. Non me lembro.
    6º- Un libro que che emprestaran e que non devolveras.
    Un de Kerouac...
    7º- Un libro que relerías.
    Poemas de Alberto Caeiro, de Fernando Pessoa. De feito estouno relendo agora!
8º- Un libro para agasallar a cegas.
    Contos de Hoffmann, do alemán Ernest Theodor Wilhelm Hoffmann, editado en galego por Tris Tram.
    9º- Un libro que te sorprendeu para ben.
    No hay nadie en casa, da croata Dubravka Ugrešić. É un chisco posmoderno, si, mais axuda a descomprimir un pouco.
    10º- Un dos primeiros libros que liches na escola.
    Las aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain.
    11º- Un libro que roubaches.
    Pois... Roubar roubar... Non foi a miña intención quedarmo, a verdade. Creo que é un caso de desidia. Collín o libro e, cando caín na conta, pasaran xa meses. O caso é que non me atrevín a devolvelo, e, finalmente, os meses viraron anos e, así, coma quen non quer a cousa, borreino da cabeza. Debe ser que non me acepto como choriza!! O libro era Los Pazos de Ulloa, de Emilia Pardo Bazán. (non llo digades a naide!!)
    12º-Un libro que atoparas perdido.
    Perdido non atopei ningún e tampouco participei nun bookcrossing, pero si nun mercadillo no instituto. Nel deixara dous filmes que intercambiei por O home duplicado, de Saramago e O Livro do Desassossego, de Pessoa. Eu cando quero sei ben facer negocios 
    13º- O autor do que máis libros tes. 
    De Pessoa. Que grande!!
    14º- Un libro valioso.
    Contos e lendas da terra do Bolo, un libro de relatos populares que escribiu meu pai, Esteban Enríquez. Vale moito para min porque nesas historias está parte do meu imaxinario, sempre ligado a ese lugar.
    15º- O libro que estás a ler agora mesmo.
    Aparte do de Pessoa -Poemas de Alberto Caeiro-, estou lendo Utopía, de Tomás Moro, mira ti que cousas, e algúns ensaios de Walter Benjamin que figuran no Libro II/ vol. 2
    16º- Un libro que prohibirías.
    Prohibir? Ningún.
    17º- Un libro que levas tempo querendo ler.  
    El acontecimiento de la literatura, de Terry Eagleton. Merqueino hai uns vinte días en Couceiro e aínda non puiden comezar a lelo.
    18º- O próximo libro que vas ler.
    Despois do de Eagleton, El Golem, de Gustav Meyrink. Estou moi interesada no lado escuro do ser humano...
    19º- O libro que non lerías endexamais.
    Un deses de “autoaxuda”. Prefiro psicoanalizarme cunha amiga e, xa de paso, tomar un café ou unha cervexa.
    20º- A túa triloxía ou saga preferida.
    Prefiro velas no cinema ou na televisión, a verdade. Así é que, se se permitir, direivos que fun seguidora fanática de Battlestar Galactica!
    21º- Último libro que che regalaron.   
    El anticristo, de Nietzsche.