vendredi, août 01, 2008

A MEMORIA DAS ALDEAS

Permitínme pegar nesta páxina esta noticia referente á presentación do libro Toponimia de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles, na Feira do Libro da Coruña, ás sete da tarde.
Non coñezo o autor pero paréceme moi interesante o que fai. É de Ponferrada, unha vila próxima a Valdeorras, a miña terra, que como xa sabedes está algo aillada do resto de Galiza.
Por outra banda, valoro moito que,na triste e absurda época de manifestos pola defensa dun castelán "perxudicado polo galego" (atención a TELE 5, CANLE QUE APOIA ESTE RIDÍCULO MANIFESTO, SUSTENTADO NUNHA FALACIA)alguén nado fóra do país colabore na dignificación da lingua.


A memoria das aldeas
Fernando Cabeza recupera e explica a etimoloxía de máis de 5.000 nomes de lugar galegos para "revalorizar o propio"
V. OLIVEIRA . SANTIAGO

Cabeza Quiles ten publicados outros dous libros sobre toponimia dende o ano 1992

"Hai que revalorizar o propio, poñer de moda que os galegos amen Galicia, facer que se coñeza porque o que non se coñece non se pode valorar". Así explica o profesor e escritor Fernando Cabeza Quiles o celme do seu novo libro, logo de máis dunha década investigando a toponimia galega. Consciente de que o despoboamento xa borrou do mapa moitos nomes de lugares, este ponferradino que vive en Carballo, recupera a memoria que gardan máis de 5.000 vilas e aldeas no ambicioso volume Toponimia de Galicia, que hoxe presenta ás sete da tarde na Feira do Libro da Coruña, xunto ó director editorial de Galaxia, Carlos Lema, e o escritor Xesús Fraga.

Logo de editar Os nomes do lugar en 1992 e Os nomes da terra no 2000, este terceiro libro achega novos nomes de lugares e profunda na súa etimoloxía buscando, sobre todo, "a claridade".

O escritor constatou que "hai máis topónimos en Galicia que en toda a España húmida do norte, porque os antigos facían a casa onde atopaban auga, algo que en Castela non se podía facer."

Cabeza Quiles deixa claro que se trata dun libro de divulgación no que busca claridade. "En determinados ambientes pseudovangardistas, se es moi claro din que es un tipo simple. Pero este libro é moi claro e ten topónimos novos que non os vin noutras obras como Couso, que significa "caixa", en referencia á forma da terra onde está".

E iso que todo empezou como un hobby durante o servizo militar. "A mili sentoume moi mal e empecei a ler sobre toponimia como unha vía de escape, para abstraerme do ambiente militar", afirma. Un estudo que lle esixiu longas viaxes por Galicia. "Unha das miñas teimas era o traballo de campo: gústame andar dun lado para outro. Outros libros son demasiado teóricos, pero eu ía aos lugares para ver a súa orixe: onde había unha depresión no terreo chamábanlle Couso, pero noutros casos hai excepcións." "Rescatei moitos microtopónimos: sempre lle dou importancia ao descoñecido, case ao "vello", o que se esquece.

Tamén traballou con libros antigos atopados en mosteiros onde aparecen moitos nomes. "Por exemplo, Triacastela vén de Tria-Castella que xa estaba así a principio do século vinte", apunta. Os nomes dos lugares teñen diferentes orixes. Hainos que teñen "relación cos propietarios da terra". Na Idade Media, os grandes terratenentes poñíanlle a unha granxa o nome: moitos son suevos ou galaico-romanos tardíos que lle poñían o nome suevo para darlle máis prestixio, como os que acaban en -iz como Guitiriz".



Nomes que fan referencia ás plantas, á fauna e á relixión

Tamén hai topónimos "nativos como Chorente, Vivente, antigos posuidores da terra como Verín que daquela era unha granxa". Outros topónimos fan referencia a plantas como Carballedo, á fauna salvaxe como Vitureira, lugar onde había voitres, ou Lobeira, á relixión como Santiago. Outros son anecdóticos como Balcón de Pilatos con sitios que teñen "moi boas vistas".

Por outra banda, non constatou demasiadas diferenzas entre os nomes de zonas da costa ou do interior, salvo variedades dialectais, nin tampouco topónimos castelanizados. "Así como a lingua está bastante castelanizada no vocabulario, a toponimia está máis respectada porque nos concellos se ten máis coidado", apunta. O volume inclúe ao longo das súas 700 páxinas, fotos de Tono Arias, Paco Vilar e do propio Cabeza Quiles que se achega ao detalle natural como chairas e vales.



NOS CONCELLOS "A sinalización segue sen ser boa"

A perda da toponimia é outra das preocupacións que guiou o traballo de Cabeza Quiles. "Hai moitas aldeas arruinadas", asegura, "ves zonas baleiras totalmente, sobre todo, no interior, e a sinalización non é moi boa nos concellos".

Para buscar os lugares, tivo que enfrontarse ademais á desconfianza dos veciños: "Hai anos pensaban que era da concentración parcelaria, pero agora preguntan se son de Facenda", chancea o escritor. Ademais, valora positivamente o Proxecto Toponimia de Galicia que está a levar adiante a Xunta. "É algo ben feito porque rescata a microtoponimia, que son os nomes de leiras ou muíños, é só unha recolleita de nomes, que se rescata da memoria dos vellos".

Pero tamén hai topónimos de creación relativamente recente como os asociados ao nome de barcos como "Baixos do Casón" ou "Baixos do Serpent" así como os relativos a barrios "conflitivos" como "Corea".