vendredi, novembre 27, 2009

TRES POEMAS PARA DARLLE TEMPO A DONA DAS XESTAS A FACER UN MIRAGRE




“Amei a Anticlea por ser todo o que eu non era, e ela amoume a min a pesar de ser eu o que era” (palabras de Laertes, pai de Ulíses, sobre a súa muller, a nobre e soberbia Anticlea)

“A túa nobreza, a túa xenerosidade, a túa forma de me amar en liberdade, préndenme a ti máis que ningunha das túas múltiples grazas” (palabras de Ulíses a Circe)

Citas extraídas da novela “Circe ou o pracer do azul”, de Begoña Caamaño.




poema un:



UN CONTO PARA ESPERTAR

E SAÍN.
Collín o barco atracado na xanela
e botei meses fóra-exiliada do cuarto azul.

Fica aquí-á miña beira-preto do meu colo-da sima abisal do meu cetro-no punto central deste meu reino-dicía o monarca.

Meu señor El Rei-respondín delicadamente-non podo-non poderei permanecer aquí máis tempo-pois teño diante o mundo todo-Que te comerá-Si. Probabelmente-


PERO MARCHEI.
As voces convocáronme para eu florecer neste deserto-neste oxidado reino de sardiñas.
Collín o avión do xardín e pasei anos desterrada-sin tierra nuestra que pisar.

Volve amor-ao meu abeiro-para te anainar-para collérmonos os labios e untar o noso leito-vén-deixa a cousa estar e pégate a min-ao meu trono-ao poro sinuoso deste amor e métete aquí nesta cova a durmir-a miña fermosa dona que dorme…

Non-Meu Señor El Rei-repliquei-antes hei untar os labios nas pedras-no código secreto deste amor que se acaba-na enorme e grande batalla por facer-E perderás.-E perderei.

PORÉN EU FUN
Vestín as ás coloradas e voei infindo-enfiei o camiño dereito-dereito-e nunca non mirei atrás.

Perdín un reino-unha casa e o meu Señor-antes diso-a memoria.

E DIXEN OUFANA
Meu Señor El Rei-a fráxil súbdita do teu abrazo-aquel teu peixe-leva agora un transatlántico nos pés-afástase do teu empedrado castelo-e nunca non mira atrás.





poema dous (escrito para o filocafé de Petín, Silencio ou morte)



TEÑO UNHA POZA ENTRE OS DENTES
CON NENÚFARES E HORTENSIAS

E TU QUE TEIS QUE NON TEIS NADA?


CAE TODO POLOS LADOS
e ti gardas no oco da man
un río enorme
grande coma un mundo grande

E ACABARSE é entón coma chover
e chover chovía coma nunca…

na casa as cousas sempre quietas
metidas entre as pedras e mazairas

na praza da cociña
só pingas de auga
e un golpe niquelado no vaso…

E CHOVER moito
coma nunca naquel sitio.

E O FUME delicioso
igual que o teu perfil de espiga na ventá.

pégate-repite-pégate-a min-ao meu colo-a miña saúde enferma-e-bucea nas potas-come o sol con patacas-e-deixa que todo-absolutamente todo-caia sobre nós.

naquel lugar nada podería ser tan grande como a selva salvaxe do armario

un fronte de nubes e silencio instálase no tercio norte da casa.
quen vai?
NINGUÉN NADIE EN LA VIVIENDA

(sólo tú)

Tu es ti
Tu con nubes no cesto da roupa…

TU QUE TEIS A ALMA ESGOTADA
TU QUE TEIS QUE NON TEIS NADA

Pero-chover-chovía como nunca
e non puiden evitalo
eu sempre chorei o domingo a tarde…




poema tres (escrito tamén para o filocafé de Petín)


A CRÓNICA DA CHUVIA ESTÁ ESCRITA NA AUTOESTRADA
NOS PASOS DE PEÓNS QUE NOS DIVIDEN EN AUTO-MÓBILES E HUMANIDADE TRANSPORTÁBEL.

Normalmente a humanidade vive nun salón-pegado ao mar. Ao abrir as ventás
a paisaxe documenta os vestixios dun futuro atronador-que pasou-prendido na memoria das montañas.
Por humano transportábel entédese aquel que-con dúas mans e dous pés-ten coma vontade un abúlico proceder-meláncolica sedución da nada flotando ao teu redor-meu amor…

O humano transportábel vai camiño da industria-nunha nave doméstica de direción asistida-e atraca no fondo das grotas e pedreiras
lento-violento
no vougo silandeiro
e derrama o medo como derrama a sopa.

A CRÓNICA DA CHUVIA ESTÁ ESCRITA NOS MUROS HORIZONTAIS DAS CIDADES, NA PLANTA DOS PÉS.

A humana auto-móbil leva un motor solar na barriga
e así vai tirando-tira-que-tira-tira ben-meu-ben-arredor do meu amor.


Por humana auto-móbil enténdese aquela que-coas mans anoadas ao lombo e os pés rebentados-fai carreiras nos campos de millo quentes pero non arde nunca-flúe entre espigas-pegada á venta-coma o teu corpo en punta.


OS PASOS DE PEÓNS FORMAN CRUCES E DESAPARECEN COMO TODO O QUE VEMOS E NON EXISTE.


Hai procesos de combustión gástrica na esfera ondeante de tungsteno na mentira máis grande de todas:

QUE TU ESTÁS AQUÍ-QUE TEIS O QUE NON TEIS-QUE NON TEIS NADA


E que fais para evitalo?. só sabes morder os labios por dentro. muda.