dimanche, novembre 15, 2009

A DONA DAS XESTAS






O DE TER OU NON TER IDEAS dentro da cabeza é algo sobre o que non quero reflexionar agora. Máis tarde. Talvez pola fresca. Neste momento, pensei, o mellor é observar, indagar sobre a estraña presenza, sobre a muller da saia enorme.
Non resultaba fácil con ela alí, preto de min, fitándome cos seus ollos de marmelo. Por iso unha rara sensación metéuseme gorxa adentro. Era como afogar de tanto aire como entraba pola boca. Así, fun inchando, pouco a pouco,e, coma se fose un globo,marchei rodando pola devesa abaixo con Troski e todo o que, como arrastradora magnética que son, levaba tras de min: as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño. Eu, cativa-cativa, o meu can,e todo o conxunto, fomos dar naquela extensión de mazairas verdes e castiñeiros.

TRANCATRÁN TAN TAN TAN.

Ese foi o golpe seco do meu corpo ingrávido que, como un prodixio, baleirou todo o aire que gardara na barriga polo nariz. Foi a primeira vez que coñecín os efectos dun tornado pero, no meu caso, non era este de carácter meteorolóxico. En absoluto! A explosión íntima que experimentei nada tiña que ver coas nubes da cabeza-azebac, nin co vento do nordés, senón máis ben cunha aerofaxia exacerbada, froito daquel vento todo que se me metera pola boca.
Xa recuperado o alento, mirei o ceo. Estaba convencida de que unha visión tan fermosa dese mar celeste relaxaríame pero, ao contrario do que pensaba, estremecín aínda máis, unha calor ardorosa rubiume polas pernas arriba do pánico que sentín. Ela estaba alí, suspendida no aire, coa saia ondeando. E nós,Troski, eu e todo o resto, con ela! Dabamos voltas e voltas, sen parar. Era como estar dentro dunha batedora… Tantas e tan veloces voltas deu aquela muller da saia infinita que eu propia saltei da devesa-móbil e fiquei pendurada da póla dunha das mazairas da miña avoa con Troski pegado a unha das miñas galochas metálicas. Da outra colgaban as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño. Foi terríbel, os garfos e coitelos pinchábanme as pernas e un fío de sangue comezou esvarar polas miñas coxas. Este é o fin Troski, dixen moi asustada, imos matarnos neste furacán!. Non teñas medo rapaza, dicía el, todo vai saír ben, xa verás.
Entón, facendo un esforzo inimaxinábel,decidín dirixirme a ela, a muller sen límites. Quen es,díxen como puiden no medio daquela voráxine. A Dona das Xestas, respondeu mentres cesaba aquela tortuosa rotación. Falou con solemnidade pois todo era solemne naquel lugar dende a construción de Otuos Uaim e diso había xa dous séculos! Eu son a grande e poderosa Dona que cobre de xestas os montes,explicou, Vós estades nos meus dominios así que ide de aquí, XA.
Isto último berrouno, moi forte. Entón puidemos comprobrar que todo o que había ao redor estaba colgado da súa faldra, coma nós. Estaban colgadas as flores, as pedras, a plantación de mazairas, os castiñeiros e toda canta herba fresca enchía o prado. Incríbel, o faldón inmenso que vestía a misteriosa muller era a tapadeira terrestre da tubería pola que andaramos previamente. Caímos na conta diso cando intentamos fuxir, liscar daquel lugar, tal e como ela, moi contundentemente, nos indicara.

E foi mirar cara a abaixo e caer, todo a un tempo. Daquela entramos novamente na pota natural que a intimidade telúrica constituía e comprendimos que, en breve, ía ser cuberta pola súa saia infinita, irremediabelmente. Así que, sen podelo evitar, vímonos enterrados outra vez coma patacas.
De nada valeu que petásemos forte no teito escuro, tampouco serviron para nada as nosas pregarias. A Dona das Xestas esqueceu que quedaramos alí abaixo conque a piedade non agromou por ningures. Eu, coa miña magnética persoa,Troski e todo o demais,as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño, encrequenámonos, formando un vurullo, ben xuntos, para dármonos seguridade e confianza pois comprenderamos que ese enterro anticipado duraría aínda un tempo, así que mellor darse apoio e calmarse coa forza do abrazo.
Segundos despois, de sócato, puidemos escoitar o canto desafinado daquela muller poderosísima:




A latexar a latexar
no fondo da nosa terra
á beira do noso mar.

Un paxaro no meu millo
o pote ben a ferver
e non deixa de chover
de chover e de chover.

Na beira daquelas fragas
móllanse as miñas cabras
móllase o gorrión
móllase todo o Pontón.

A latexar a latexar
no fondo da nosa terra
á beira do noso mar.

O que aquí ben veredes
son as miñas posesións
e para que o confirmedes,
dende á Oliveira ó Pontón.

A latexar a latexar
no fondo da nosa terra
á beira do noso mar.

Despois de escoitármonos aquel cántico de exaltación territorial, Troski propuxo iniciar o diálogo coa Dona das Xestas.

O xeito de o facer? Eis a cuestión!