lundi, janvier 14, 2008

POEMA A PETICIÓN DO RAPOSO


Ninguén chega á nosa vida
ansiando permanencias.
Ninguén aplaude a profundidade
que sentimos no cristal dos ollos
cando amamos…
Ao caer a noite,
cae o vestido
caen as miserias
e a voracidade toda.
A escuridade desvirtúa as formas
e bebemos océanos de medo e sal
fotografando un aillamento
discordante,
unha promesa de vesania e liberdade.
A ausencia mete todo o mar nunha caixa
e parece que quedamos xordos,
enfermos de silencio,
coa dúbida instalando
este rosario de incertezas.
Unha luz rara apaga cada instante
e as sombras viran enormes,
como montañas de diamantes rotos.
Ficamos sós.

Nós ante a inmensidade,
ante a insignificancia,
ante ese misterio
de consciencia
colectiva e única …
Porén sempre esta respiración,
este pánico terríbel de ser,
e todos os lazos …
Nós ante o periplo de infortunios,
ante esta recorrencia de baleiros,
ante a inexistencia derramándose.
A bailarina xira sobre si mesma,
na caixiña marrón,
cada vez máis lentamente.
Entón un eco profundo de lasitudes
tira das lembranzas
e pensamos no exército perdido,
na eternidade.
Queremos amar,
ser conscientes,
vivir dentro e fóra,
existir.

A inexistencia é unha liña
de orfandade e desencanto,
unha soidade de mil anos,
unha espera inútil.
Estamos co sexo en branco
e as carnes frías.
O mosaico roto.
Ninguén máis.
VESTÍBULO DA DEVASTACIÓN, ESPIRAL MAIOR