samedi, janvier 06, 2007

O PLANETA DE ASOR


Aretx é o planeta de Asor. Ao miralo ben pódese descubrir un círculo perfecto, infectado de luz, abotoado de cores escintilantes. En canto ao tamaño poderíavos asegurar que é como dúas , que digo dúas, ata tres veces a terra. Está suspendido nun espacio alternativo que non podemos percibir, onde non existe un só sol senon tres, e brillan con tanta contundencia que xamais chega a noite. Non coñecer a noite pode parecer estraño para nós pero para os habitantes de Aretx, os Aretxitas, resulta completamente normal.
Todos son morenos e de ollos grandes como profundos espellos. O feito de ter luz natural a todas horas inflúe enormemente no estado de ánimo. Dificilmente están tristes. Asor habita nel dende o seu nacemento. Concretamente ela pertence a dinastía dos Asoritas, unha especie de místicos que practican a meditación. Nos últimos tempos Asor pasou malos momentos tralo seu encontro co XIGANTE. Por ese motivo realizou unha viaxe ata aquí. Pretendia fuxir do asedio da nostalxia e modificar a paisaxe emocional por medio dos "conmutadores", esos pequenos aparellos que permiten conmutar emocións cun só golpeciño no botón correspondente. Eu querería ter un conmutador e cambiar a ira por incomodo, a raiva por molestia, o odio por desprecio, a súplica por distancia, o olvido por perdón... Pero non é posíbel trastocar o constructo interno que nos conforma, nin sequera para Asor III de Zeuquirne, da dinastía dos Asoritas, expertos no incremento da temperanza e na eliminación das bágoas. Ela botou o corazón aos pes e perdeuse no labirinto, coma un animaliño, enrugándose, facéndose moi moi moi pequena.
Agora ten que coser as chagas para poñer o traxe novo e estirar un riso enorme coma una sandía. Todos temos chagas e ,ás veces, parece que nos gusta envolvernos nelas, como se así acadaramos a divinidade xudeo-cristiana que proporciona o sufrimento. Asor debe regresar a Aretx e mirar ese ceo trisolar. En cada sol habita unha esperanza para ela.

vendredi, janvier 05, 2007

TODA A AMBROSÍA PARA TI

No ano das mapoulas o meu amigo non era o meu amigo, era un iniciado, un convulso inocente co espanto na mirada. Tiña o descoñecemento agatuñado no lombo e pesábanlle as ideas nos bolsillos. Miraba tanto para o chan que parecía que ía caer nas profundidades, mezclarse coa terra e ocultarse nas raíces... Era un neno, era un home, era un cabaleiro coa sensibilidade pespunteando na lanza e a literatura feita un beixo fino e doce coma os arandos. Falabamos. Destrúiamos a Molière e faciámolo de novo gobernador do riso por toda a Francia republicana, tiñamos ese poder. Visitábame todas as semanas e ,eu, republicana como son, recoñecino como monarca da Revolución Independente da Amizade. Construimos un xardín de debates e mastigamos palabras como anacos de pan fresco. Aprendeume políticas e economías e pasou lenemente a man sobre o meu espírito doente. Por aquel entón eu vivía no exilio e el me informaba da realidade social do noso país. O meu amigo e máis eu querémonos moito e ben porque sobrepasamos horizontes escuros, cheos de rochas. Atravesar camiños da súa man da menos medo. Na actualidade o meu amigo está triste porque perdeu horas embriagado pola beleza, e claro, a beleza ten ese poder de meter a ansiedade tan dentro... Eu non quero que alimente a desesperanza porque ten moitos mares que o esperan. Polo tanto sempre lle digo que ten un universo de ambrosía para el, a auga nos pes e o poder camiñar.

jeudi, janvier 04, 2007

RESPOSTA DE ASOR

Estimada Rosa, cada vez sinto máis a túa presenza cando as cousas non van ben, e, podes crerme, nos últimos tempos ben non van. Ás veces cando te observo e vexo toda a túa enerxía e ese modo de estourar... Eu quero camiñar coma ti, sobre as augas quentes do veleno que me arde e non afogar ou desmaiar como unha margarita cursi disfrazada de Barbarella... O XIGANTE segue nese castelo e dende o sobre lacrado co seu amor diabético non voltei ao camiño retorcido, esa calexa terríbel e escura que enche as mans de negro e gris, habitando todo o espacio das aurículas de pesadume, un pesadume como de terciopelo, que non despega a súa suavidade velenífera do cume do ventre... Alugar un espacio para a ledicia é cada vez máis complicado neste ruído infernal de xente que contra-vive. Aretx é un planeta de grandes egoistas dirixindo imperios de oxíxeno. Só os ricos poden falar. A eles non lles importa que haxa máis ou menos CO2 porque teñen oxíxeno a mans cheas. Eu teño que calar moitas veces para non afogar...
Non podo seguir escribindo. Rematou o descanso.

Unha aperta:

Asor II de Zeuquirne

mardi, janvier 02, 2007

FOS, O CAN DE ASOR

A RELACIÓN
Fos é un can precioso. Asor mercouno nunha tenda de animais hai un ano e medio e agora vive vencellada ao cuzo coma unha nena pequena. É tan amistoso que cando ve que Asor entra pola porta salta de contento. Está toliño de todo. É marabilloso que un ser vivo celebre así a túa chegada. Así a recibía o XIGANTE cada vez que Asor se presentaba ante el. Porén á lealdade no xénero humán e á sinceiridade dos afectos quédalle moito para estar a altura do que lle quere o can a Asor. Ás veces xorde unha especie de campo invisíbel que os conecta aos dous e xa con tocarse son felices.
A DENUNCIA
Por todo isto Asor levou un disgusto enorme ao saber cun home matou dun machadazo ao seu pastor alemán. Como pode alguén facer iso pregúntase todo o tempo... Ninguén ten resposta para explicar esa brutalidade. HOMO HOMINI LUPUS?dixo espantada,pois se somos coma lobos cos conxéneres, canto máis non o seremos cos seres que consideramos inferiores.
A CARTA
Non me chegou aínda a resposta de Asor á carta que lle enviei.

lundi, janvier 01, 2007

CARTA PARA ASOR


Querida Asor: préocupame ese xeito que tes de abrir caixas e envelenarte de palabras... Non sabía que o XIGANTE abandoara o pracer do teu van para vivir esmagando materia ao seu paso pola vida. Coido que tes un corazón profundo e redondo como o sol que te anuncia cando me escribes cartas. Verás, alguén me comentou que deberías mirar cara a un ceo diferente, despistar ao sentimento que retorce cada unha das teas do teu traxe. E creo que ten razón. Asor, querida amiga, abre ben os ollos e non bebas máis pócimas de desencanto. Hai que ter ilusión. Eu confío no teu potencial porque coñezo o teu capital de supervivencia. Serás capaz de devorar anfibios se che meten pedras na esperanza.

Unha aperta moi forte para Asor da súa amiga:


Rosa E.