vendredi, janvier 26, 2007

NABETSE I DE ZEUQUIRNE




No clan dos Asoritas, Nabetse era un dos princeps. Acostumbrado a políticas conciencias estaba afeito a diálogar exercitando a mecánica necesidade de solventar contratempos ... Porén os anos rumiaron estrañas inxustizas sobre el que o conduciron ao seu estado inicial, ese que revolvía as crenzas no seu cerebro e invitaba a reflexión. Digamos que Nabetse era un líder nesa dinastía de deliberantes pola súa calma e iso que damos en chamar A TEMPERANZA.
Asor imitaba ao seu predecesor niso de temperar as raivas e agatuñalas baixo os pes para vivir máis libre pero... non daba e non daba¡.
Canto lle gustaba a Asor esa mirada de améndoas, húmida e tenra que Nabetse depositaba sobre ela cando as ideas lle retorcían os miolos... Para un deliberante a virtude da que debían partir era a calma.Sen ela nada era posíbel. Por iso a nosa amiga sabía ben que aínda lle quedaba moito por aprender para chegar a posición de deliberante supremo do seu proxenitor. De todos os xeitos ela aprendía e aprendía como se a vida fose unha aula na que desenrolar todas as súas capacidades.
Era tan interesante aprender de alguén como Nabetse. Canda nena paseaba con el polos arredores do Palacio dos Salgueiros recolectando nubes e herba seca, comendo bullotes e morodos, construíndo lazos. Os lazos son esa sensación extrema de seguridade que gardamos nos recunchos do noso corazón coma bolboretas fermosísimas e libres, como pan fermentando a lealdade. Con el aprendeu Asor a amar cos ollos ben abertos, sen fatiga, como unha profesión, unha fé. E así será polos soles e os soles deste ceo trisolar dende os tempos iniciais do Gran Unicelular e a Asor e máis ao seu pai gústalles que así sexa.