mercredi, février 25, 2009

HOMOFOBIA



Unha noite de lúa, Jacobo Rial Piñeiro achegouse a casa de Isaac Pérez Touriño e Julio Anderson. Tanto e tan canso estaba que, no canto de ir ao seu fogar coa muller e o fillo, ficou alí, na vivenda destes dous homes. Xa no interior sentiuse ameazado. Disque o querían violar... Daquela, completamente aterrado, colleu un coitelo e... ZAS! 57 puñaladas. É que matar é un traballo duro, leva tempo e non val cunha puñalada ou dúas para quitarlle a alguén. Unha vez mortos, Jacobo Rial Piñeiro, asasino confeso, decidiu abrir o gas e incendiar o piso, amais de tomar prestadas algunhas cousas, nada importante.


O Xurado Popular decidiu absolvelo por considerar que actuou de tal xeito vítima "dun medo insuperábel".
A homofobia e o racismo (Julio Anderson era negro, atención) foi determinante no veredicto pois, se no canto de Isaac e Julio, fosen Julia e Isaura as vítimas, esta besta estaría no cuarto escuro, pero non o dos locais que, de certo este home de sexualidade clandestina coñece perfectamente, senón o de verdade, ese onde non se escoita outro ruído que non sexa o do silencio.
Agora cómpre agardar a denuncia desta inxustiza incomprensíbel por parte das distintas forzas políticas mais non con fins electorais... Sería posíbel tal xenerosidade?

ABERRANTE (Artigo)

O equilibrio é sensatez, mesura nos actos e xuízos, algo realmente necesario para poder valorar unha conduta, por exemplo. Para acadar este prezado equilibrio o home e a muller deberán procurar a observación atenta da realidade circundante, liberarse dos prexuízos e buscar o coñecemento. Cando non é así, cando non se teñen en conta os matices e diferentes texturas que conforman a nosa selva humana, este coñecemento será parcial pois, ao partiren dunha visión reducionista que ailla o obxecto de estudo do seu contexto, a análise resultante ha ser sempre incompleta e, consecuentemente, errada. De aí a importancia da lectura, as viaxes e o contacto con outras culturas cuxa forma de vivir e sentir difira radicalmente da nosa, pois, as novas aprendizaxes sempre fan posíbel unha visión panorámica maior desas partes máis pequenas, e non por iso menos importantes, que conforman a “totalidade” aparentemente uniforme e insisto, só aparentemente. O noso planeta é diverso, plural. E esta polimorfia é a que nos salva dun fastío aterrador.
Porén, existe certa tendencia ao daltonismo que impide ver máis de dúas cores neste arco da vella no que vivimos. Triste, por suposto, pero sobre todo perigoso. Un exemplo disto témolo en Vigo, onde un xurado popular absolveu a Jacobo Piñeiro Rial do dobre asasinato cometido na madrugada do 13 de xullo de 2006 nun piso da rúa Oporto, na cidade olívica. Este anxiño arrepentido asestou 57 puñaladas a Isaac Pérez Touriño e Julio Anderson (de raza negra), froito dun “medo insuperábel”, segundo el mesmo explicou durante o proceso, de ser violado, pois, ambas vítimas eran gays. Despois de matalos e, “fóra xa de perigo”, abriu o gas provocando un incendio na vivenda que, sorprendentemente, é o único delito (dos tres que se lle imputaban) polo que será condenado. Un caso de homofobia ou de racismo talvez? Evidentemente si pois senón non se explica como polo caso do asasinato de Marta del Castillo, en Sevilla, ou da inmigrante golpeada por Sergi Xavier Martín no metro de Barcelona, haxa tanta unión na denuncia pública, non só por parte dos particulares senón das propias autoridades locais e medios de comunicación, e no destes pobres infelices aínda non se pronunciaran coa contundencia necesaria as competencias correspondentes. Unha sombra escura arrandea sobre o mundo dos homosexuais. Non se lles apoia, nin se lles protexe o suficiente. A igualdade non cristaliza na estrutura social e segue a sobrevoar sobre eles a idea de guetto fechado. Moitos aínda teñen medo da reacción dos familiares ou amigos e non queren saír á luz. Coma tantos pobos, os gays, lesbianas, transexuais e bisexuais foron colonizados por un sistema bipolar rancio e obsoleto que non entende de matices e segue a consideralos algo exótico. A autoxenreira é o seu peor inimigo. Eles deben procurar o seu empoderamento e liberación, sen pedir nada, porque a súa reclamación non debe ter caráter de solicitude pois é un dereito.