mercredi, avril 24, 2013

ARTIGO SOBRE CARLA ANDRADE

A NÉBOA PINTADA (Artigo sobre Carla Andrade, publicado en Sermos Galiza) Inquietantes. As imaxes de Carla Andrade (Cangas, 1983), recentemente premiada no II Festival Miradas de Mujeres, atraen. Como se houber un murmurio estraño que nos convidase a entrar, observamos, coa inquietude anterior de quen pensa introducirse nun sitio misterioso, ese mundo neboento que se nos ofrece, esencialmente branco. Paths to land -Camiños cara a terra, así o traduce a artista- amosa unha serie fotográfica de estradas que se estenden até o horizonte. E existirá un fin, detrás desa liña borrosa? Todo parece indicar que non, que ese camiño continúa, que se estira máis e máis. Daquela, o que Andrade plasma coa cámara, eses espazos abertos na fríaxe, constitúen, en certo xeito, o significante do tempo. Un tempo órganico natural. Redondo. Entendo pois a fin do camiño -presente en cada foto desta serie- como un principio doutra cousa. A raia que unifica ceo e terra é o punto neurálxico que trae á memoria a orixe, ese momento en que todo foi concibido. Intúese a presencia constante da repetición, o presente continuo. A ausencia do percorrido que lle presupoñemos ó tempo tal e como o explicamos, ó xeito dunha liña progresiva que se estende e se estende, é a chave. Daquela, temos diante nosa o tempo da conciencia, e, consecuentemente, o enfrontamento cunha realidade da que nos ocultamos: a incerteza: o espazo da contixencia. Un lugar onde o grande e o pequeno conviven en estraña harmonía, malia o desconcerto que isto nos provoque. Así, ofrécese o horizonte como punto de fuga que permite a escapada. Por iso estas imaxes adquiren un certo carácter máxico, na medida en que resultan envolventes. Dalgunha maneira vémonos dentro, mesmo antes da nosa entrada. Contribúe a isto o emprego de planos xerais que, ademais de proporcionar un certo efecto dramático, consegue que nos sintamos incluídas/os nese tempo espacial. Andrade dá conta nestas fotografías dun silencio abrumador que coloca a humanidade xusto no seu lugar: o do asombro.