dimanche, octobre 14, 2007

HISTORIAS BREVES: REFEXIÓNS DUN XERANIO INDIGNADO

Dende este lado da xanela vese todo diferente. Ás cousas que preocupan aos de dentro resultan moitas veces aBsurdas cun B maiúsculo e belfudo, tanto e tan grande que ata eu caïo dentro da súa barriga duplicada como un idiota... Non sei que sucede exactamente. Debe ser que de tanto vivir entre eles fago miñas as súas teimas e o meu corpo somatiza esas descargas eléctricas e viscerais e dobro o tallo e me retorzo e sigo retorcéndome, cada día un pouco máis. Así estou chepudo coma unha cunca do revés. E, certamente, isto tenme alarmado pois non desexo ter este aspecto feo e torto. Detestaría parecer unha pranta indecorosa¡ Sobre todo porque eu non son ese que se estrangula entre as frores, son un Pelargonium dos mellores, cun verde matizado en gris como se estila nos da miña saga e luzo ao sol rodeado de pétalas un tanto rosadas que abotoan o meu traxe de verán. Si, eu son un xeranio ben parecido e pretendo seguir así. Non quero que esas dúas que me trouxeron para a súa casa por unhas moedas de prata esquezan a importancia do meu vestido como fixeron o outono pasado cando enfermei a causa das térmites. Foi terríbel¡ Estiven días espido, decolorado, únicamente tiña o meu tronco, que polo demais estaba prácticamente seco... Malditas formigas brancas¡ Non sei como puideron invadir o meu corpo, e, sobre todo ignoro como esas dúas non caeron na conta de que estaba enfermo¡ Por iso creo que dende este lado da vida vese todo distinto. Nós dependemos máis directamente da auga e do sol para sobrevivir. Se cadra por iso valoramos tanto o esplendor vexetal e somos tan respectuosos co resto dos habitantes deste mundo verde multicolor. Non me gusta xulgar a ninguén pero, se estes humanos estropean todo e funden na miseria o sitio que lles foi outorgado para vivir porque pensarán que son tan listos?