mercredi, avril 18, 2007

IMAJ, A CARICIA DO VENTO

Hai un espazo baleiro entre as cousas e o corazón de Imaj. El é todas as loitas, todas as ganancias , todo o esforzo. Ten no xesto un aire de entrega, como se agasallara cun segredo pequeniño pequeniño cada vez que mira. De cando en vez bota un pouco de lume polos ollos, pero logo o apaga. Asor entrou na súa cova de incertezas e meteu dentro todas as harmonías que este talento evasivo agochaba, como se non tivese nada que dicir... Porén posuía tantas caixas cheas de imaxes cicatrizando...
Tiña caixas verdes como se metese dentro mares de amor e xenerosidade, caixas azuis, rebentando frío e soidade, e caixas laranxas como festas abroullando na súa cabeciña ben poblada do que realmente interesa: a patria íntima.
A Imaj caéronlle os raios da dor enriba dos ombros e parecía que se perdese entre a brétema, entón Asor abriu as mans e lle regalou un cetro, asorita e libre, para que repousara nel. Dende as derradeiras tormentas de Komodoro, híbrido e deliberante comparten as horas da tarde que anuncia unha primavera de tempos estourando margaridas caprichosas afundidas polo desexo. A amizade que inauguran ten forma de taza, redonda e capaz de estender a forza en todas as direccións.
Asor está tan contenta de ter este amigo¡ El, coma Esmar, o Cabaleiro do Infinito, enchen a
Comunidade Asorita de orgullo. Rifosor está especialmente contenta con Imaj porque axuda a Asor para que lle poña rosto ás palabras. Preguntarédesvos onde vive pois está claro, aresidencia de Imaj acháse próxima ao templo de Noruf. É un nabungalow pequeno pero nel hai unha porta amarela que se abre para que o híbrido poida atravesar con ela o tempo e recibir o ar que o trouxo ata Noruf porque Imaj é o fillo do vento, do agarimo, da liberdade. Un bo amigo.

dimanche, avril 15, 2007

TRIBULACIÓNS CÍTRICAS( CONTINUACIÓN NA RAIÑA VERMELLA)



Son laranxa e estou ben contentiña de selo. Gardo dentro unha risa aberta como un sol para prestar un ánimo inusitado nun día gris. Teño milleiros de pingas conformando a miña esencia entre doce e amarga. Gústame compartir mesa con outros alimentos e crear toda unha galería de cores facendo do día a día un modo alaranxado de disfrutar. O meu nome orixinario é "narangah" que en sánscrito significaba veleno para elefantes. Debe ser porque algún destes animais enormes, empurrado pola gula, comeu tantas que rebentou. Pero non quero meterme nestes asuntos de estirpes tan pouco beneficiosos para a saúde mental e orixinar máis guerras intestinas entre laranxas, mandarinas e clementinas. Somos todas unha dinastía de cítricos en revolución. A nosa pretensión? Rematar coas empresas esmagadoras que fan de nós zume... E que zume¡ De todos os xeitos tampouco quero falar diso. Hoxe apetéceme contar cal é a miña situación na cociña de Belisaria. Belisaria é a dona da casa na que me atopo dende hai uns días, unha casa enorme por certo. Neste palacio gastronómico de hortalizas convivindo tiven algúns problemiñas: a serie da laranxas ás que pertenzo por xenética, non me aceptan. Din que son demasiado grande e non caibo no cestiño. Isto paréceme dun autoodio incríbel. Como poden rexeitarme? Se non me coñecen¡ Elas que din loitar unidas contra a opresión¡ Son eu acaso unha opresora? Non. Ignoran todo de min e necesitan ubicarme nalgures e eu non deixo porque non me dá a gana e punto. Como vou meterme eu agora nun cadradiño estreito? Eu son cítrica en expasión, son libre... Como vedes a situación é realmente incómoda e por momentos faime sentir mal. Querería que todo fose diferente pero a vida é, como dicía o outro, unha caixa de sorpresas. Xamais podemos saber que vai pasar. Sendo así as cousas, tomei unha determinación, farta xa de tanta estulticia: mergulleime cos pimentos. Mirade canta variedade.