mercredi, mars 14, 2007

A ESCURIDADE, ASOR E GOBERTRAND



As luces foron cedendo paso e os ritmos deixaron un espazo ao silenzo. Entón a iniciada deliberante abriu os brazos para botar a liberdade no escuro, recibir chispas de enerxía. A divinidade da noite, tan ansiada polos Aretxitas, ten unha cor de negra inexistencia que brinda posibilidades no oculto, ás agochadas dun ceo trisolar, vidente, case revelador.Todos somos capaces de hercúleas promesas no berce dos soños e feitizos noctámbulos, chegamos mesmo a crer no ronsel de andrómenas que nos cinguen un corpo a piques de abrir o sexo trepidante, inchado de furia, unha furia que sacamos da boca como nun delirio inusitado e procaz. Neste escenario catárquico de misticismo rebentando balsas e balsas de falsa necesidade, Asor cedeu ante o desexo e durmiu no van dese ANFIBIO aterrador... Escuros grises lazos de pernas como brazos enormes amando danzas malditas. Porén, no medio de tanta insurrección e protesta, a indolencia vital non sempre ocupa todo o sitio. Hai ocasións nas que un estraño pode aparecer e prestarnos un pouco da súa luz, como se dun corpúsculo estelar se tratara. Así chegou Gobertrand á vida de Asor, como un nenúfar na cloaca, como unha cadencia de baladas na estación do inverno, entregando o compromiso de non ceder ante a veleidade dos transeúntes de enrugado xesto. Gobertrand é o híbrido máis fermoso de todos. Parece coma tocado pola maxia dos deuses. Eu diría que ten no seu ollar unha dozura que acariña lenemente cada movemento. Gústalle percorrer distancias, ás veces absurdas para manter un lugar seguro. Compartiu moitas tardes dende aquel encontro místico na festa da Gran Escuridade. Agora hai tempo que non se ven. Asor foi mala, mala, mala. Sí señores, a deliberante asorita, Asor III de Zeuquirne cometeu un erro e Gobertrand está moi enfadado. No silenzo da distancia inaugurada hai un tempo pérdense os dous nas lembranzas dun futuro por realizar...

mardi, mars 13, 2007

ARTIGO PUBLICADO EN LA REGIÓN O 8 MARZO


OS MIL E UN DÍAS DA MULLER

Es muller? Es traballadora? Hoxe é o teu día porque o 8 de marzo todas falamos en feminino e celebramos a nosa condición de muller operativa, productiva e activa política e culturalmente. Hai uns anos parecíame que este día, coma o da violencia de xénero, non servían para moito e non tiña moi claro que deberamos facer un acto solemne para lembrar que, ao fin e ao cabo eramos cada día máis pringadas… Explícome: a muller, como xa sabedes, foi obviada na sociedade dende tempos inmemoriables( Se digo antes da era cristiana pásome?) pois o seu labor cinguíase ao ámbito doméstico e fóra, o que se di fóra, non traballaba, ou sí, nas leiras coma unha burra e, ata esas leiras, era o sitio máis lonxe onde unha muller podía chegar para realizarse. Iso sí, aínda hai quen dí que non temos forza física para levar pesos. En fin, que falar non ten cancelas, como diría a miña avoa. Porén, nesta actualidade de cerimonias e días de teriamos que estar ben ledas porque todo cambiou pero se o pensamos ben non é para tanto: agora traballamos dentro e fóra. As nais de familia son, na meirande parte dos casos, as que que se fan cargo dos fillos, falan cos titores, van con eles ao médico, realizan as tarefas da casa … Algúns cabaleiros pódense sentir incómodos ao ler este artigo e dicir que o tema é recorrente. Créanme, non o é. A teimuda realidade fainos saber que non e preséntase ante nós ironicamente, con certo aire de traxedia porque unha non entende que esteamos así, neste baleiro de sexismo disimulado despois de tantos anos de loita e de mulleres valentes, atrevidas e intrépidas como a inglesa Mary Wollstonecraft quen sacou á luz no 1972 a primeira obra para pedir a igualdade entre homes e mulleres, ou Valentina Tereshkova , a primeira astronauta. Pero non fai falla ir ata Inglaterra ou a antiga URS, neste país no que vivimos, galegas ilustres como Rosalía de Castro, xa foron víctimas do machismo literario, por exemplo, tan interesado sempre en discernir dous tipos de literatura: unha de primeiro orde, a que fan eles, e unha literatura de segunda orde, feminina por suposto, feita como din moitas desas rémoras masculinas do pasado, dende o útero clamando en verso “mamá quero ser artista” etc etc etc. Porque eles entón dende onde se supon que escriben? Dende onde din que lles nacen os pensamentos máis profundos?

Unha mágoa, un auténtico desastre entre endecasílabos e versos rachados. Polo tanto, se as cousas están así nas mentes de persoas máis elaboradas que pasará noutros sectores da sociedade? Precisamos do oito de marzo e do nove e do dez… Precisamos de que nos nomeen biónicas, descremadas, libres, dun respecto auténtico, de camaradería e apoio, non de condescendencia. Iso para os débiles e quen dixo que nós o foramos?