mercredi, novembre 22, 2006

O afundimento da educación

Saiu onte na Voz de Galiciaun artigo de Xosé Carlos Caneiro que non ten desperdicio. A única pega é que está escrito en castelán. Non pasa nada, somos libres, ata alguén que escribe tan ben en galego pode facelo en castelán...
Pois ben, nese artigo comentaba Caneiro aspectos da educación dos nosos rapaces, que realmente é terríbel. Dígovolo eu, que son profe.
A culpa, como dí X.C, é un pouco de todos que non intentamos rachar cos valores que están a triunfar grazas á caixa tonta que aniquila o pensamento duns pais e nais cansos que non teñen nin forza para sacar ao seu fillo de diante do televisor.
Triunfan os "triunfiños", aspirantes a artistas, e a mala educación dos concursantes de "Gran Hermano" que teñen un protagonismo impresionante entre os adolescentes. Incríbel, seino, pero certo.
As rapazas e os rapaces dos institutos levan nas carpetas as fotos deses habitantes da casa máis admirada da televisión.
Parece que só o diñeiro sexa útil. Cartos, cartos e cartos. O éxito rápido, sen esforzo. Ser un interesado polas artes ou a política non vende entre os futuros adultos e adultas. Resultado? Estes nenos e nenas cuestiónanse a autoridade dos que lles damos clase.
Eu, como non teño a todos os rapaces xuntos porque dou unha optativa, non teño moito problema pero os de linguas e mate... danme mágoa. Soportar aos cativos nalgúns centros é un auténtico problema.
X.C fai unha boa análise da situación e ponse no lugar dos mestres ou dos profes e imaxina a titánica tarefa de educar a nenos que cren que Zorrilla é unha... putilla?
Grazas dende aquí por este artigo e por comprendermos.

mardi, novembre 21, 2006

YOLANDA LÓPEZ

Mañá, a poeta Yolanda López presenta o seu libro na sala Granell. Deberíades ir porque é bo, é potente, ten forza e contido. Yolanda López é unha nova poeta que ten moito que dicir e ademáis PINTA¡¡¡ Eu creo que será unha presentación amena na que poderedes desfrutar das poesías de Yolanda recitadas polos seus amigos e das ilustracións do poemario que estarán expostas para vós.
"Obertura sen heroe" (Yolanda López)
Sala Granell
Mércores 22 de novembro ás 20:00

ESA LINGUA QUE ESQUECEMOS

Temos un país e temos unha lingua pero cada vez temos menos falantes e isto require o esforzo de todos. Por favor falade galego. Empregade a vosa lingua e facede patria e matria.
Eu confésovos que fun educada en castelán e nese sono españolista vivín moito tempo ata que descubrín a importancia da memoria, nese momento, caín na conta de que era unha víctima deste matrix en castelán que nos botaron enriba nos colexios canda nenos e que, se amaba a miña patria, tiña que facer da miña lingua unha bandeira e loitar por ela. Levo seis ou sete anos falando galego e síntome cada vez mellor.Algunhas veces emprego o castelán, é certo, pero cada vez menos. O principio resulta raro facer o cambio, parécenos radical pero non é así.

"TEMOS UNHA FERIDA DE LINGUA FUXINDO,
UN CAMPO DE SEMÁNTICAS REXEITADO
e tantos froitos abandoados nesas leiras
explicadas nunha lingua allea,
que deberiamos baixar á terra e pedir unha desculpa
por non escoitar os cantos,
a carón das rochas,
por cada palabra que se perde na area ...
... E parece que nos gusta esmagar a memoria
e cambiar os acentos nun baile de andrómenas,
facendo da mentira un baile,
A NOSA VERGOÑA.