vendredi, janvier 05, 2007

TODA A AMBROSÍA PARA TI

No ano das mapoulas o meu amigo non era o meu amigo, era un iniciado, un convulso inocente co espanto na mirada. Tiña o descoñecemento agatuñado no lombo e pesábanlle as ideas nos bolsillos. Miraba tanto para o chan que parecía que ía caer nas profundidades, mezclarse coa terra e ocultarse nas raíces... Era un neno, era un home, era un cabaleiro coa sensibilidade pespunteando na lanza e a literatura feita un beixo fino e doce coma os arandos. Falabamos. Destrúiamos a Molière e faciámolo de novo gobernador do riso por toda a Francia republicana, tiñamos ese poder. Visitábame todas as semanas e ,eu, republicana como son, recoñecino como monarca da Revolución Independente da Amizade. Construimos un xardín de debates e mastigamos palabras como anacos de pan fresco. Aprendeume políticas e economías e pasou lenemente a man sobre o meu espírito doente. Por aquel entón eu vivía no exilio e el me informaba da realidade social do noso país. O meu amigo e máis eu querémonos moito e ben porque sobrepasamos horizontes escuros, cheos de rochas. Atravesar camiños da súa man da menos medo. Na actualidade o meu amigo está triste porque perdeu horas embriagado pola beleza, e claro, a beleza ten ese poder de meter a ansiedade tan dentro... Eu non quero que alimente a desesperanza porque ten moitos mares que o esperan. Polo tanto sempre lle digo que ten un universo de ambrosía para el, a auga nos pes e o poder camiñar.

1 commentaire:

OSIÁN a dit…

É unha ledicia leer esos textos tan fermosos, esas verbas susurrantes que enchen o espirito de gozo.
Noraboa