mardi, octobre 22, 2013

MEME DOS LIBROS

MEME DOS LIBROS

Envioume Txiki Calvo un convite para facer un meme de libros e, como che son ben guiadiña, cando quero, respondín a todiñas todas as preguntas que se me fixeron. Aí están!!

Envío este Meme a Navicularia, o blog de Neves SOUTELO, ao Figurante e  a Porta Verde


1º- O último libro que liches.
    Frankenstein ou o moderno Prometeo, de Mary Shelley. Era unha desas novelas que quedan por ler até que as les e punto pelota.
    2º- O libro que mudou o teu xeito de pensar.
    Buf... A ver, por elixir un, eu diría que El espectador emancipado, de Jacques Rancières. Xa é o segundo que lle leo a este señor e a piques estou de crear un grupo de fans ;)
    3º- O último libro que che fixo chorar.
    Carné de identidade, de Mahmud Darwix. O salmo 8, concretamente, pareceume durísimo. Iso de se erguer, despois de ter morto, e escribir o nome da terra no propio cadáver, ou nun rifle, arrincoume algunhas bágoas. A verdade é que xa me entrara a angustia poemas atrás.
    4º- O último libro que che fixo rir.
    Pois, mira ti, co Manifesto SCUM, redactado por Valerie Solanas, en 1968, rin a cachón!! Sei que non é un “libro libro”, mais valerá. Mellor que Miguel Mihura dende logo!! (Que cousas me veñen á cabeza ás veces, meu! Han ser efectos poscoloniais.)
    5º- O último libro que prestaras e non che devolveran.
    Nin idea. Non me lembro.
    6º- Un libro que che emprestaran e que non devolveras.
    Un de Kerouac...
    7º- Un libro que relerías.
    Poemas de Alberto Caeiro, de Fernando Pessoa. De feito estouno relendo agora!
8º- Un libro para agasallar a cegas.
    Contos de Hoffmann, do alemán Ernest Theodor Wilhelm Hoffmann, editado en galego por Tris Tram.
    9º- Un libro que te sorprendeu para ben.
    No hay nadie en casa, da croata Dubravka Ugrešić. É un chisco posmoderno, si, mais axuda a descomprimir un pouco.
    10º- Un dos primeiros libros que liches na escola.
    Las aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain.
    11º- Un libro que roubaches.
    Pois... Roubar roubar... Non foi a miña intención quedarmo, a verdade. Creo que é un caso de desidia. Collín o libro e, cando caín na conta, pasaran xa meses. O caso é que non me atrevín a devolvelo, e, finalmente, os meses viraron anos e, así, coma quen non quer a cousa, borreino da cabeza. Debe ser que non me acepto como choriza!! O libro era Los Pazos de Ulloa, de Emilia Pardo Bazán. (non llo digades a naide!!)
    12º-Un libro que atoparas perdido.
    Perdido non atopei ningún e tampouco participei nun bookcrossing, pero si nun mercadillo no instituto. Nel deixara dous filmes que intercambiei por O home duplicado, de Saramago e O Livro do Desassossego, de Pessoa. Eu cando quero sei ben facer negocios 
    13º- O autor do que máis libros tes. 
    De Pessoa. Que grande!!
    14º- Un libro valioso.
    Contos e lendas da terra do Bolo, un libro de relatos populares que escribiu meu pai, Esteban Enríquez. Vale moito para min porque nesas historias está parte do meu imaxinario, sempre ligado a ese lugar.
    15º- O libro que estás a ler agora mesmo.
    Aparte do de Pessoa -Poemas de Alberto Caeiro-, estou lendo Utopía, de Tomás Moro, mira ti que cousas, e algúns ensaios de Walter Benjamin que figuran no Libro II/ vol. 2
    16º- Un libro que prohibirías.
    Prohibir? Ningún.
    17º- Un libro que levas tempo querendo ler.  
    El acontecimiento de la literatura, de Terry Eagleton. Merqueino hai uns vinte días en Couceiro e aínda non puiden comezar a lelo.
    18º- O próximo libro que vas ler.
    Despois do de Eagleton, El Golem, de Gustav Meyrink. Estou moi interesada no lado escuro do ser humano...
    19º- O libro que non lerías endexamais.
    Un deses de “autoaxuda”. Prefiro psicoanalizarme cunha amiga e, xa de paso, tomar un café ou unha cervexa.
    20º- A túa triloxía ou saga preferida.
    Prefiro velas no cinema ou na televisión, a verdade. Así é que, se se permitir, direivos que fun seguidora fanática de Battlestar Galactica!
    21º- Último libro que che regalaron.   
    El anticristo, de Nietzsche.



Aucun commentaire: