jeudi, mai 01, 2008

HUIS CLOS



Un lugar estraño, unha escaleira estreita e a identidade fragmentada. Así viviu Elisabeth Fritzl durante 24 longos anos, metida entre catro paredes, co útero resentido polo abuso dun pai que todos tildan agora de psicópata... Eu creo que non padece enfermidade algunha, simplemente é malo, perverso, desviado.
O noso cerebro é unha totalidade que contén no seu interior áreas escuras, zonas azuis metalizadas, grises intencións potenciais que se retorcen ata saír fóra en forma de violencia psicolóxica e física. Terríbel. Cando penso nesta muller envellecida pola desidia e o abandono, pois ten con corenta e dous anos o aspecto dunha muller de sesenta, sinto unha furia potente, algo que desanoa as cordas íntimas e distorsiona o entendemento porque, sinceramente, non entendo nada.Imaxino que Elisabeth esqueceu nese zulo cal era a súa identidade, cal a súa casa e cales as lembranzas.Estaba dentro dun inferno imperioso e denso,como o de Sartre en Huis clos (Portas fechadas)e, coma no mellor dos thrillers, descobreu que l'enfer c'est les autres.
Preguntábame o outro día unha amiga como pensaba eu que puido permanecer esta muller cautiva coa mente sá e non tolear alí dentro. Eu fiquei en silencio uns minutos, tentando dar coa resposta.Difícil.
Finalmente e tras darlle voltas ocorréuseme que, talvez, alterou a propia realidade para acomodala ás súas necesidades de continuar viva. Creo que, se cadra, rematou aceptando a situación, entregándose, deixando as armas na mesa. Atreveríame case a afirmar que Elisabeth Fritzl morreu hai vinte e catro anos, agora só quedan restos, ruinas. Meteuse no fondo dos soños e alí permaneceu acochada todo o tempo. Non sei se será posíbel rescatala de si mesma.

8 commentaires:

Mararía a dit…

Difícil recuperación paréceme que terá, si é que un se pode recuperar deso, que xa o dubido ben.

Un saúdo.

Malaquita a dit…

Semella unha novela de terror. Resulta difícil de crer que un ser humano poda facerlle algo así a outro. Algo moi escuro ten que haber na cabeza dese pai, algo que bate frontalmente contra a sensibilidade e a esencia das persoas, da vida.

Mr Tichborne a dit…

Eu vivo na Alemaña, non lonxe de Austria, e a consternación é inmensa. Coido que é un psicópata sexual noxento, que se construiu un mundo pechado e perverso controlado pola súa maldade, sentíase un retorcido Deus, invencible.
E a pregunta: ¿e a esposa, non sabía nada?

Raposo a dit…

Dis ben, morreu hai moito tempo. A muller que saiu dese zulo no é a mesma que entrou hai tantos anos.
O pai si; o pai é o mesmo cabrón fillo de puta de sempre.

A Raíña Vermella a dit…

Cústame traballo pensar que non hai patoloxía mental detrás dun acto así. E non porque non crea na maldade potencial do ser humano, senón polo excesivo do caso. Como maldade, tamén se me antolla maldade a da xente que convivía coa familia. Como dicía un cartel que saía o outro día pola tele, como é que ninguén viu nada?

vermella a dit…

A capacidade de adaptación do ser humano é infinita,eu creo que alí entrou unha muller e o que por fin alcanza a liberdade é somente un espectro,a pantasma do seu ser.
Espero que non saia algún sicólogo iluminado poñendolle nome a un síndrome que so ten os calificativos empregados polo Raposo.
bico

Marinha de Allegue a dit…

A vivencia dun cautiverio, a privacidade da luz, do contacto exterior, da vida, da liberdade queda impresa na pel...

Unha aperta.
:)

Son Unha Xoaniña a dit…

Tamén eu penso que Elísibeth morreu aquel aciago día que seu pai a ultraxou e a encerrou de por vida, Aquel día asasiñouna e continuou facéndoo cada día durante 24 anos.
Como dis, non creo que sexa posible resacatala de si mesma.
Apertas.