samedi, avril 04, 2009

O medo á liberdade



O corazón da besta nace no medio, xusto onde o amor pon o seu vestido máis fermoso. Cando Ela leva o traxe azul todo o teito da casa semella unha cunca celeste, sopa de estrelas eslamiadas como a cara que se che pon cando non miro dentro de ti, aí onde doe, onde os medos teñen forma de persiana caendo.

Atravesando as paredes do teu corpo non dou coa alma, non a vexo por ningures.
Ás veces a alma da xente é só unha superficie rugosa.
Saca as mans de dentro das potas, deixa o lápis de ollos e non te pintes coma unha exipcia, que estás botada a perder!

Deixa a cousa estar, que iso non se pode dicir. Non debes. É mellor calar. SILENCIO. Cala, que calada estás máis guapa. Non digas nada. Deixa que as deformacións acaden o seu punto álxido e vaite, vai indo, como a aurora cando o sol de zinc se lle bota enriba.
Así, así mellor. Coloca as cadeiras na parte esquerda do cerebro, e pecha a porta da sentimentalide que aquí son todos burócratas, de burocracia.
“No me digas? No me lo puedo creer? En serio?”

Deixa que o seu desprezo caia coma un manto. Hai desprezos que nos sitúan lonxe. Pero non interesa estar nun espazo podre de poder.

“Hay un sitio para cada cosa y una cosa para cada sitio. A ver si te enteras, que pareces tonta!”

Mira que non entender algo tan simple. Pero Ela pensa sempre que é mellor saír da coraza que laiarse e andar polo chan coma os vermes.
Acariña o lombo dos que están desfeitos, sente a súa radical e extrema pobreza. Ser pobre é unha dimensión descoñecida en Eurarquia. Os eurarcas nacen nas empresas e venden cartos e hipotecas a prezo de saldo. Nas súas cristaleiras publicitarias fan tapetes con fío de liño extraído da terra. As cousas fermosas veñen todas de aí, da terra, pero os eurarcas cren que o leite sae dos cartóns e aliméntan as crianzas á forza de tetrabrik.

Non sei porque Ela sempre relaciona isto coa idiocia.

Idiocia: estado de estupidez mental que nos impide discernir, detectar a fraude por máis evidente que esta sexa.

Nun mundo multicolor prefabricado. Aí queremos vivir. Non no da abella Maya, "a amiga de Willy", non. Tampouco non a de Picasso, coa cara deforme e tan estraña, non. Anque, pensándoo ben, talvez non fose tan rara, se cadra Picasso víanos tal e como somos…


Por iso, esta necesidade de aire.

Daquela bícame. Logo tamén, segue a enredarte na miña boca e fálame cos ollos de animal que tes. Mmmm… Sábesme a algas e sal.
Que doce sentir golpes de oxíseno entre os teus dentes e esquecer a rutina de ser consciente ou deixar de concentrarse nas raias das xirafas!

Decidido: vender a casa e os discos, lanzarse nun paracaídas pola ventá dun segundo piso, contemplar as sombras debuxadas no teito das casas, no faiado das cabezas da xente, nos caborcos lingüísticos de axentes contaminantes. Prometido.
Ha disentir para rachar a porcelana toda.

9 commentaires:

Chousa da Alcandra a dit…

Já, pero a ti xa non che vale eso do medo á liberdade. Ti xa sabes que os eurarcas están absolutamente enganados, que o leite sae do teto da vaca, que a abella Maya pasaba olimpicamente de Willy e que Picasso tiña un ramalazo de astigmatismo.
Por iso ti non debes ter medo tampouco, xa que sabes que os medos teñen forma de persiana caendo...
(Onde aprendiches tanto, R.E.?)

vermella a dit…

O de que calada estás máis guapa non é máis que unha frase feita dos necios que non queren escoitar,porque xa sabes aos idiotas todo hai que darllo feito,despois si lles serve dirán que foi idea deles.
ti non cales..........
bicos.

A Raíña Vermella a dit…

Encántame este texto. Podo citarte?

A rapaza do arco a dit…

Creo que iso que dis resume moitos dos problemas sociais de hoxe en día: o medo á liberdade e sobre todo á liberdade dos demais.
De todos xeitos e a pesar das dificultades, hai que pensar que a peor parte lévana eles, que están tremendo nunha esquina e rezando para que nada cambie; eu prefiro formulalo así :)

Eu tamén me alegrei de atoparte, a ver se coincidimos máis veces. Unha aperta e forza!

rosa enriquez a dit…

Moitas grazas a tod@s polas vosas cariñosas palabras.
Chousa eu non sei nada, só son unha aprendiza impenitente.
Vermella non hei calar porque non podo. Hai algo que estala aí e non podo frealo.
Raíña,se consideras que o texto o merece pois faino anque a min con que che guste e o disfrutes xa teño moito. Bicos.

Suso Lista a dit…

A min por veces tamén me ataca o virus da Idiocia. Encantame o texto. Pasa unhas boas festas

Alfonso Láuzara a dit…

Velaí todas as rosas dunha primaveira imparábel! e cada texto... unha roseira de ideas frescas para un futuro de esperanza, porque isto non é natureza morta nin medra en invernadoiros nin chega importado de terras de lonxe. Esta marabilla natural sae tan digna das entrañas! Parabéns. Saúdos. Bicos

Raposo a dit…

Encantáronme estes dous últimos textos que hai que ler e reler para sacarlles todo o zume.
Parabens.

Nelson a dit…

O texto encantou-me a mim também, e ouvir-te dizê-lo ontem ainda mais! Poder dar-te um abraço de parabéns pelo filocafé ainda mais!
Muito obrigado, Rosa!!!