vendredi, avril 17, 2009

UN MUNDO EN SENEGAL



Casamance, Senegal
20 de novembro de 2006


Querida Ndeye:

Tardo en escribir porque tiven que agardar que volvese Tamsir para redactar esta carta pois, como ben sabes, deixei a escola canda nena e, a dicir verdade, nin o abecedario sei, mais, polo que estou a ver ao meu redor, iso é o de menos. O que importa é respirar. Aquí, querida Ndye, o aire permanece inmóbil dende os primeiros enfrontamentos. Saír é sempre a mellor opción ou iso cremos os que aquí estamos. Resulta tan duro só imaxinar o que contas… Sei que non mentes, que probabelmente vivir en Galiza non sexa doado, que talvez te miren mal porque es negra, muller e pobre… Síntoo, como sinto que morrera meu irmán e podo xurarche que esta dor non é só porque fose do meu sangue senón polo que representou para tantos homes e mulleres que, dende aquí, acreditabamos nas súas palabras cando repetía aquilo de que Europa se convertería no noso refuxio, na Terra Prometida…
Agora, depois de ler a túa carta, a mágoa é cada día máis e máis grande. Creo que teño a alma furada de desesperanza porque, amiga Ndeye, aquí que nos queda? Seguir no medio da podremia e resistir coma se por iso fosen darnos unha medalla? Deixar que nos maten coma cordeiros no sacrificio? Non. Eu non podo, non poderei xamais deixar as cousas estar. A situación é límite, xa o sabes, xa que logo, subir a un caiuco e arriscar semella a mellor opción. Paga a pena coñecer Galiza e Portomarín, porque é aí onde vives ti agora con Assane, non é? Ou non… Non o sei, non teño nada claro porque intúo nas túas palabras certa desolación e iso frea o meu desexo de buscar.
Amiga Ndeye, se soubeses cantas veces estiro o pescozo para liberar toda a enerxía negativa… Porque non podo deixar que a semente do odio medre na miña cabeza, coma unha mala herba. Se puideses sentir por un intre sequera o meu desacougo, daríaste conta de que estou enferma. A esperanza neste lugar, ben o sabes, é unha doenza terminal.
No Senegal todas as persoas están enfermas, cren que están de paso, que se irán, que nada poderá impedir o seu verdadeiro destino de ser felices… Dá a impresión de que andan sempre a outra cousa, como agardando o seu momento e é xusto ese desexo quen os mata pois se cadra nunca sairán de aquí ou, de saíren, hano facer con billete de ida e volta coma Abdyoud, que foi repatriado coa súa esposa á semana seguinte de marchar.
E o peor de todo non é a enfermidade, bendita ilusión, nin o fastío de repetir cada día a mesma rutina de ser pobres, de non poder alimentar os fillos, de preferir mesmo que non nazan… Non. O peor é vivir odiando este lugar, rexeitando ser Senegalesa, enfastiada de tanta miseria, co corpo partido polo amor aos fillos, un amor que non ten máis utilidade que a do cariño pois xamais, mira ben o que che digo, xamais poderei darlles nada que non sexa un bico ou un sorriso agarimoso.
Daquela, vivir até morrer, sen perder nin un só segundo pensando que vou rachar este muro de cristal é o único destino que, polo de agora, me foi revelado. Mais, talvez diga isto porque estou enfadada co mundo anque sei ben que o mundo, en si mesmo, non ten ningunha responsabilidade pois non é máis que a casa natural cedida para vivir. Só iso.

Unha aperta Nafissatou

Ndeye

8 commentaires:

Xan a dit…

O mundo como espazo físico non ten efectivamente ningunha reponsabilidades; pero os que dirixen na sombras o sistema mundial de capitales, os donos dos medios de producción, os donos dos bancos que colocan gobernos para que lexislen en función dos seus intereses, esos si teñen responsabilidades. Eses, e o noso embigo, ese lugar o que miramos cada día, mentras os nosos semellantes laian e choran nas esquinas da nosa prepotencia. Esa historia do Senegal, podería recoñecerse na Galiza de mediados do seculo pasado.
Parábens pola tua sensibilidade é polo ben que escrebes.

Nacho a dit…

Quedou un texto moi fermoso en palabras e extremadamente duro no contido.
Unha aperta.

Maca a dit…

Fermosisimo texto, eu tamen quedo co " a alma furada de desesperanza" ante tanto door e inxusticia no mundo real.unha aperta

Chousa da Alcandra a dit…

En plena vixencia hoxe, por máis que a escrita se date no 2006. Duro, contundente e -por riba de todo- moi clariño.
Hai moitos Senegais...

Bicos

Son Unha Xoaniña a dit…

Ndeye está enfadada co mundo, pero ben sabe ela que os culpabeis son uns poucos, "os amos do mundo", os que manexan os fios da economía, os que din _estes teñen que vivir así para que nos poidamos vivir destoutro xeito, os que diseñan as guerras e mais as crises económicas ao seu antollo, os que..., unha mágoa!
Apertas.

vermella a dit…

Ai isa frase "o peor é ser Senegalesa"doe,está chea da misma ira que tiñan os nosos antepasados cando foron obrigados a esfamear e fuxir a terras prometidas onde non eran acepatdos de todo e as veces non sabían de onde eran...
bicos emocionados.

rosa enriquez a dit…

Ola a tod@s, agradezo as vosas palabras, moito.
Compartimos, polo que vexo, a mesma visión deste engano mediático da crise, ben construída polo Señores do Sistema, que son ,en definitiva, os que deciden as cuestións políticas. O banco Monetario Internacional, por exemplo.
Coincido tamén con vós niso de que o texto é duro pero non podía ser doutra maneira. É o que hai. E aínda peor están os nenos e nenas vítimas das guerras en Ruanda e outros lugares... Ninguén se fai cargo diso. O G20 goza coa autocompracencia, adórase a Obama, tal é o efecto do mal menor... En fin... Moi triste.
Bicos.

Ra a dit…

Qué hermoso, Dona Rosa.


Un abrazo desde la otra punta.