
ÁS TENDEIRAS DA PRAZA DE COMPOSTELA
NINGUÉN SEN AMOR
OU CASA. NUNCA.
As historias de verdade foron escritas polos transeúntes
Por iso estalan os segredos nas pedras
dos templos
e vidrieiras.
Un tren transatlántico
arrimou o estraño latexo de corpos acugulados
fauna humana petando nos lastros
potente e vigorosa por vivir.
A chuvia acomodou
introduciu a intimidade
e nos amou.
Amounos.
Si.
E medramos de tanto ler nos labios
os poemas das tendeiras da praza
estirados na táboa de partir o peixe.
Estatuarias figuras no balbordo
ventres imperturbábeis
ao gallope…
Sempre a gallopar
metéronnos dacabalo na mudez
outoniza e pétrea da cidade.
E vale máis que un peso
cada palabra súa.
Bestas cortadoras de carne
dignas de amor
e antigüidade
nas rúa enxoitas
que debruzan a alma da cidade
na grisalla
neste ámbito sagrado de frío e luz.
4 comments:
Cada palabra do que escribes percíbese íntegra e gutural; acugulando a boca de sonoridade. As metáforas de trens transatlánticos carréxanme a dimensións diferentes. Se non fose preciso, pediríache que non parases nunca de escribir, de meterlle carbón á máquina desa locomotora de sílabas...
Gostei moito do texto e a fotografía é marabillosa.
bonita homenaxe para estas nosas mulleres as que lles debemos tanto polo camiño andado,como di vostede as historias de verdade escribenas os transeúntes das rúas.
saúdos e feliz verán (si é que chega)
gracias por traer aquí este poema que leiches en Santiago, na xornada de xogos, e palabras.
bicos
Post a Comment