mercredi, octobre 21, 2009

O POZO




ALÓ NO FONDO DERON CUN POZO ESCURO, moito máis aínda que ese oco polo que caeran. Area do Souto-Piñeiral Cadrado abriu os ollos todo o que puido, primeiro asomou a cabeza, logo o tronco e, finalmente, as pernas. Ficou varios minutos nesa posición, cos pés no borde, para rematar descolgándose. A baixada produciuse inevitabelmente. Marcharon todos cara á abaixo, conformando un grupo, pegados entre eles. O derradeiro en caer foi o can. Entraron na auga e flotaron durante un bo rato. Non podería precisar canto tempo mais todo parece indicar que non excedería dos quince minutos. Que pasou? Que foi o que orixinou o afundimento?

No Libro das Verdades o suceso descrébese así:

“Un ruído xordo, un furacán mariño de auga doce, un estraño maremoto, arrastrou aquel vulto sorprendente. Era como se un poltergeist tivese lugar naquel sitio. Documentamos esta caída con axuda dos familiares afectados. Parece ser que tivo lugar un martes. Os martes sempre son días conflitivos nos arredores de Vellarre. Nin se sabe porque pero sempre suceden cousas raras. De feito, ese día ten unha duración de tres xornadas. Temos pois, o martes-un, o martes-dous e o martes-tres. É así. Danos igual se non o credes. Despois de todo, porque nos ha preocupar iso? A información é case sempre incompleta ou, simplemente non existe, ou non pode ser, que tamén serviría como explicación. En todo caso, o importante é saber que isto aconteceu un dos tres martes. Cremos, non podemos aseguralo, que foi un triste martes-tres do día trece da terceira primaveira (aquí existen catro primaveiras, xa explicaremos iso máis adiante). Para ben ou para mal, insistimos, o martes-tres do día trece da terceira primaveira pérderonse polo oco do pozo unha morea de obxectos e dous seres vivos, unha rapaza, Area do Souto-Piñeiral Cadrado, e un can, Troski. A aspiradora doméstica de Otuos Uaim tragounos sen piedade e alá foron o can, a nena, as bonecas, os libros, a tira de panos larafuzados de graxa, os coitelos e toda a ferramenta para morder, as caixas, as mudas de roupa limpa, as cadeiras, o vello arcón de madeira podre e as sabas de liño…
Que difícil dicir todo isto seguido e escribilo sen respirar! Case afogamos!
En resumo, que detrás deles non quedou nada. Unicamente o silencio.”

O silencio é internacional, carece de bandeiras e, precisamente por iso, ninguén poderá nunca apropiarse del. Imposíbel fundar empresas que o comercialicen. Non nos pertence. Só a terra podería fulminar cada átomo seu cun estrondo bárbaro até desaparecer.
Eu nunca puiden vender o meu silencio, sempre calei o xusto, Troski. Tampouco eu, que absurdo! Estou convencida, o silencio é un gas que non poderemos amarrar nunca.

3 commentaires:

Chousa da Alcandra a dit…

Seguramente non o poidas vender nunca, Rosa; pero tamén estou convencido de que sí o podes agasallar. E din que cando o silencio entre dúas persoas non é motivo de nerviosismo nin inquedanzas...entón é que hai confianza!.

(É unha osadía pola miña parte decirlle a unha poeta que agasalle silencios; pero que eu son arroutado xa o sabiamos, e que Rosa é unha poeta con inspiración tamén. Así que...os aprendices de prosistas tamén temos dereito a licencias; ou?)

rosa enriquez a dit…

Benquerido Chousa,
Por suposto que podes suxerir ideas! Faltaría máis! Penso que é moi certo o que dis. O silencio pode tamén ofrecerse como agasallo e non ten porque ter connotacións pexorativas. Eu só quería transmitir a idea de que non podemos apreixalo...
Un bico enorme Santiso, e obrigada pola visita:)

Anabela Couto Brasinha a dit…

Olá,
sim, o silêncio é un gas que non poderemos amarrar nunca,
se não fosse livre seria outra coisa,
e em tantos silêncios com o mesmo nome, que se encontre um, que se levar encantamento, também tranquilidade, também vá levando muita cor, e não me esqueço, lembro também que pensar.
Sim, O silencio é internacional,
compramos e comprado é satisfação instantânea, por causa da falta da única coisa que não se compra, afinal o mais indispensável, leva tempo aprender o mais simples quando sempre nos fizeram esquecer, e quando no planeta o que era não serve e ainda falta tempo para reajustar.

E que chegue aí um sorriso meu para ti.