samedi, août 28, 2010

ESTÉTICA DO CINISMO: A VIOLENCIA ESTRUTURAL

ARTIGO PUBLICADO EN TERRA E TEMPO







ARTIGO PUBLICADO EN TERRA E TEMPO

ESTÉTICA DO CINISMO: A VIOLENCIA ESTRUTURAL

Vivimos no mundo da imaxe, da virtualidade, do hedonismo. Porén, a nosa inquietude é ben antiga, ser felices. Lóxico. A "ética da felicidade" foi estudada por moitos pensadores dende hai séculos. Os eudemonistas, por exemplo, considerárona o ben supremo acadado por medio da virtude. Os estoicos entendérona coma unha consecuencia desta última e, Kant, pola súa banda, afirmou que, felicidade e virtude eran elementos distintos, así que unha muller ou un home "virtuosas/os" poderían perfectamente non ser felices por moi merecentes que fosen dese ben precioso.

Daquela, é evidente que andamos atrás da felicidade dende que temos memoria. É unha pretensión humana natural. Quen non quere estar a gusto, sentirse pleno/a? O problema xorde coa deriva semántica do termo "felicidade" que, nas sociedades de consumo como a nosa, nada ten que ver co inxenuo "Beatus ille" de Horacio (65 ac- 8 ac) no que se louvaba a vida no campo, asociando pois felicidade á tranquilidade e repouso. Tampouco non co recoñecemento público da "virtude" ou "beleza", pois, a día de hoxe, estes conceptos adquiren maior densidade e son bastante ambiguos.

Ser fermoso/a non depende unicamente dun "suposto" atractivo físico, mais doutros factores adxacentes que, malia que nos doa, condicionan a nosa percepción. Son estes, por citarmos algún exemplo, a popularidade ou a riqueza. Sempre foi así, mais agora a tendencia é exaxerada. Así pois, características xenéticas ou circunstancias -propiciadas estas polo capitalismo- que non implican ningún mérito de seu, pasan á categoría de calidades humanas, isto é, "virtudes". "Margarita é moi agradábel, rica e famosa" é unha afirmación perfectamente válida, en Occidente, para describirmos unha persoa descoñecida ante un auditorio expectante. E se Margarita é así, todos quereremos ser Margarita. Indubidabelmente que si, pois sabemos que "posúe" o necesario para "triunfar" nun sistema de competición poderosísimo que, sen dármonos conta -ou si- interiorizamos e transmitimos de nais a fillos.

Triunfo e felicidade van da man. Se triunfo son feliz. Son feliz se triunfo. Porén, a pregunta que me vén á mente, talvez capciosa, non o nego, é a seguinte: que ou quen determina ese "triunfo"? Existen entidades que teñan de seu esa facultade de "outorgar" a etiqueta convinte para nós sentirnos satisfeitos coa propia vida? Son esas entidades "mentes preclaras" cuxo "destino" sexa distribuír "medallas" morais -ou éticas, se esta palabra agrada máis, ou incomoda menos- que nos conducirán polo camiño da felicidade? Poden tamén estas mentes decidir como e cando debemos entrar nese camiño cara á ningures, tan atractivo para nós? De ser isto así, aínda que sexa subrepticiamente, debemos aceptar que dirixan estes "poderes fácticos" a capacidade de noso para sermos felices? O sistema pode invisibilizar as súas accións indirectas ante os nosos ollos? Durante canto tempo? Temos capacidade de protesta?

Tendo todo isto en conta, cómpre recoñecer que ser feliz, aínda que sexa unha procura lóxica, constitúe a día de hoxe unha arela sen límites, pois implica satisfacción, logros laborais, mesmo emocionais, e, dadas as expectativas xeradas polo sistema de mercado, nunca o estaremos. Xamais teremos o suficiente.

O sistema convertiuse nunha fábrica de expectativas. E cales son estas? Principalmente de carácter burgués, iso parece claro. Visibilicemos as básicas: un traballo digno, unha familia -con mascota moito mellor-, unha casa, un coche...

Unha vez satisfeitas, poderemos sentir que estamos "dentro", mais no horizonte aparecerán outras novas e aquilo do "máis difícil aínda" soará nos nosos oídos. Xa que logo, volta a empezar coa loita. Deste xeito, a "felicidade" deixa de ser un anhelo natural comprensíbel e lícito para se converter certamente noutra cousa ben diferente, nunha obsesión, nunha pugna interna decepcionante, en extremo perigosa, que nos somete a unha competición permanente. Competiremos cos demais e con nós propios/as. E será esta competitividade a que orixinará o utilitarismo e o servilismo nas relacións humanas, sempre envoltas nunha brétema de tensión disimulada, na falta de sinceridade e compromiso. Se non tes nada que me "interese" -cartos, beleza-xuventude, poder en suma- non perderei o meu tempo contigo... Eis o berce da agresividade que dará paso á violencia vertical, oculta nunha primeira ollada.

Pero volvamos atrás, outra vez ao consumo continuado, conspicuo, non só de obxectos, mais de persoas e ideas. Tamén do tempo, un tempo non cuantificábel, abstracto e brutal. Estamos na era da mercantilización das emocións, no imperio dun cinismo violento que asoballa e desmerece a inocencia, mesmo a ridiculiza. Así, ante a inseguridade que sentimos ao respecto da sinceridade dos demais e da fraxilidade do seu compromiso -derivados dos intereses- aceptamos tacitamente entrar no xogo desa rede humana infectada polo medo. Integrarse ou morrer. Esa é a cuestión, to be or not to be. Está moi claro, se non formo parte de, non son, non existo. Para iso, cómpre facerse notar, ser visibilizados/as. Velaí o xermolo do egocentrismo, da hipocresía e da mentira. En resumo, do egoísmo máis feroz que poidamos imaxinar.

Os xogadores/as desta partida inhumana de xadrez, abrirán entón as súas portas para recibiren con gusto a ilusión desa felicidade estraña. E para iso, para disfrutaren do oasis cativo que supón o efecto placebo derivado do acto de consumir e lograr determinados obxectivos, os/as que se proclaman liberais abertamente e os que actúan como tales sen sabelo -ou facendo que non o saben- precisarán de mellorar a situación persoal de seu, abocados pois a novos intercambios interesados, algo que vén sendo o principal estímulo das relacións entre as persoas. Facer algo a cambio doutra cousa é o que mobiliza o mundo postmoderno. Para que realizar o esforzo e dar algo a cambio de nada?. Que nos reportaría iso, aparte do simple e inxenuo gusto de axudar?. Na sociedade capitalista non hai sitio para a inxenuidade. O hedonismo arrástranos polos vieiros do pracer e as campás seguen a entoar aquilo de "vale que ten, vale quen ten". A asociación cartos-felicidade, leva implícita a idea de posesión. Queremos ter. Cada quen o que máis lle interese. Algúns buscarán popularidade, outros beleza, e os máis, un capital de seu. O caso é visibilizar a nosa presenza neste caos infernal que o mundo é.

Polo tanto, convén, como xa se explicou arriba, que nos integremos, que formemos parte de. Para logralo debemos ser pensados/as, pois non selo conleva a inexistencia e, actualmente, só existe o que se sabe publicamente. Eis a idea esencial, ofrecer unha imaxe que nos favoreza, traficar con ela. Daquela, volvemos novamente ao egoísmo, agora explicitado no culto excesivo a un mesmo, isto é, na vaidade, unida -non nos enganemos- por un fío indisolúbel, á falta de seguridade que vén determinada por unha autoestima sempre dependente da opinión dos/das que nos rodean que, tristemente, valorarán o noso produto -pois iso é o que somos, unha mercancía humana- en función das calidades presumibelmente imprescindíbeis nas sociedades capitalistas.

E cales son as "virtudes cardinais" que elevarán o home e a muller hedonistas á categoría de seres vivos felices?. Pois esencialmente aquelas que lles garantan repercusión pública, a poder ser, con efecto inmediato. Daquela, se pensamos na beleza, na xuventude ou na riqueza material, antes citadas, non iremos mal encamiñados/as. Posuír calquera delas significará o acceso a unha pequena parcela de poder que nos asegurará un lugar propicio neste "primeiro mundo".

Daquela, insisto, o anonimato será como non existir, en resumo, non contar. "Esse est percipi". Berkeley (1685-1753) utilizou esta frase como premisa para xustificar a existencia dun deus (mente infinita que crea) e a humanidade (mente finita que percibe tal creación). Para nós, a mente infinita que orixina o espazo que identificamos como real, o único onde podemos vivir felices, é o Capital. A mente finita somos nós. Certamente, aquí, neste lado do mundo, quero dicir en Occidente, "ser" e "estar" só serán equiparábeis se "estar" implica unha ubicación asegurada no pensamento alleo que, a súa vez, ha vir determinada por unha das devanditas calidades postizas (cartos, beleza, xuventude). De non posuírmos ningunha delas pasaremos ao outro lado, o da maldita inexistencia social. Esa é a verdade, lamentabelmente.

Mais, como o mercado non entende de sentimentos, si de resultados, cal é o dunha verdade incómoda?. O silencio. A verdade, en esencia, non interesa. O homo e a mulier videns, dos que falou no seu día Sartori, adscríbense ás verdades prácticas, maioritarias, elaboradas por medio da desinformación para contentármonos. Tendo en conta todo isto, a conclusión resulta obvia mais non por iso infravalorábel, e é esta: existe no noso mundo de "certezas", unha profunda violencia de carácter estrutural cuxo efecto destrutivo afecta non só ao ámbito económico e social, mais tamén ao íntimo. Desaparecen o compromiso e a lealdade. Prevalece a apariencia. Consumimos amor, sexo, xuventude, beleza. As relacións humanas, como moi atinadamente apuntou Bauman, fanse, a cada máis, líquidas. E isto, paradoxalmente, xerará xusto o contrario do que arelamos, infelicidade e insatisfacción.

De pouco ha valer a denuncia da existencia dun terceiro ou cuarto mundo que nós propias/os asoballamos, aínda que non sexa directamente -nós non somos financieiras nin poñemos os tanques para instaurar democracias, por dios!- se empregamos, consciente ou inconscientemente, os valores da sociedade de consumo que denunciamos para tratar mellor ou peor ás persoas (violencia estrutural) orixinando ao noso redor oprimidos e empoderados, xusto o que denunciamos.

Por esta razón, é evidente que existe un fascismo solapado no entramado das relacións que se desprende do desleixo no trato que dispensamos a aqueles/as que non poidan reportarnos ningún beneficio.

Dignidade, esforzo, honestidade, solidariedade, compromiso, resistencia ou xenerosidade son substantivos abstractos, difícilmente perceptíbeis a día de hoxe. E se non os percibimos facilmente, se non somos quen de visibilizalos, será que non existen?

2 commentaires:

Anonyme a dit…

Valente, saber falar tam claro.
Eis a dignidade de quen constrói pouco a pouco, com humildade e acerto, o País das boas e generosas.
Rosa, caminhas silandeira, descalça, nas puntas dos pés. Mas vas achegando-te. E levas nas maos canetas como fouces afiadas. Que tanta falta fai.
Obrigada.

rosa enriquez a dit…

Obrigada polas túas xenerosas palabras.Saúdos:)