jeudi, novembre 04, 2010

ARTIGO PUBLICADO EN LA REGIÓN




BENEDICTO

Bene-dicto. Bieito en galego. Bien dicho sea en castellano. De número, XVI, un número escaso se o comparamos co custo da súa visita, tres millóns de euros disque... Así as cousas, a cabeza visíbel de Cristo na terra será recibido coa pompa dun rei. Está claro que, de pensar no Xesús da mitoloxía bíblica, axiña comprenderemos o estupor xeral ante o "despilfarro", pois, de nacer nun portal, a carón dunha burra e dun boi, de traballar como carpinteiro e logo andar orante a predicar amor cunha única túnica -de seguro chea de po- a viaxar nun avión, nun papamóbil, rodeado de protección policial, envolto nun boato impresionante, cerimonias aparte, a pregunta non se fai esperar: u-la humildade cristiá?. Nin se sabe.

A Igrexa está tan lonxe daquilo de amarnos os uns ás outras -o das "outras" é unha aportación persoal, pois a Igrexa apenas tivo conta das mulleres ao longo da súa historia- que o "imposíbel" adquire a categoría de real: ante a visita, multiplícanse os fondos públicos. Factum est miraculum. Máis aínda do que os pans e os peixes.

Daquela, a austeridade perde importancia e podemos xa esquecer os habitantes da pobreza, recluídos nun submundo de grisalla que cohabita, harmonicamente, con este noso, primeiro e principal, ambas cousas a un tempo. Así, neste contexto de obscenidade hipócrita e, xa que logo, de cinismo social, obviar os casos de pederastia encubertos ou a procacidade lasciva dos sacerdotes con fillos e o seu enriquecemento persoal, é o esperábel. Lo feo siempre oculto. Es ley de vida. Por iso, provocar a alucinación colectiva co espectáculo da liturxia papal na praza do Obradoiro, é o que lle queda a este goberno para mitigar as críticas á súa "arbitraria" xestión económica, curiosamente exigua coa potenciación do noso idioma e coa problemática da clase traballadora, mais xenerosa co clero e co castelán: dous millóns de euros destinados á versión en castelán de libros de texto en galego. Cousas veredes...

1 commentaire:

Carlos Callón a dit…

Ben dito!

Perdoa o xogo de palabras ;)