Weblog de Rosa Enríquez Para o repouso teño palabras coma esferas, redondas e suaves. Para a loita, finas poutas de lanza e este bravo corazón infatigábel.
jeudi, janvier 13, 2011
ARTIGO PUBLICADO EN LA REGIÓN
ARTIFICIO GAIÁS
Non concibo nada fóra da política. Nós, por exemplo, como parte dunha 'polis' somos animais políticos. Calquera pretensión de evasión é inútil, covarde e hipócrita. Todo o que sucede, ou non sucede, dentro da nosa 'polis', por persoal que o consideremos, ten carácter político, pois todo está relacionado. Daquela, o feito de opinar ou non opinar, aínda que pareza en principio a cuestión que pode determinar se somos ou non persoas politizadas, serve para amosar dúas actitudes posíbeis ante a realidade circundante: unha frontal e outra, tristemente esquiva.
Ambas son políticas. Así é que, sabendo que non podemos evitar isto en ningún contexto, mesmo na intimidade, mellor será definirse, dar a cara e abandonar eses espazos tibios de intersección por mor de agradarmos a todos/as. Non é posíbel tal cousa. Eis a intención, política por suposto, que me induce a manifestar certo descontento ante ese edificio inmenso que pretende ser acubillo da cultura. Acubillo un non-lugar que é todo menos cálido?
Sinceramente, este espazo, marcadamente político, non nos autoenganemos, resulta frío, distante. Aparente metonimia das manifestacións artísticas, políticas todas elas, sobre todo as de evasión, o edificio leva implícito un afán de separación. Quérese que o feito cultural sexa a-político, o cal resulta, obviamente, imposíbel, pois nada o é. Toda expresión artística prodúcese no medio dun fervedoiro social e nel adoita desenvolverse. Esta é a tendencia natural da arte e da literatura. A razón de tal querencia pola contorna é moi sinxela: a cultura constitúe a esfera do coñecemento que recolle o imaxinario colectivo. Non podemos pretender que exista aparte, nin literal nin metafóricamente.
Este xeito estraño de encapsular a estética do vivido no Monte Gaiás, proba unha vez máis que vivimos na sociedade do espectáculo: a realidade é unha representación, política, xa saben, da mentira: realidade invertida. Eu non me preocuparía por non estar aí 'representada'. Ante xenios como Dalí, o Avida Dollars, ou Van Gogh, quédome co último, pois coma el creo que o comercio da arte é unha farsa.
Inscription à :
Publier les commentaires (Atom)
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire