Weblog de Rosa Enríquez Para o repouso teño palabras coma esferas, redondas e suaves. Para a loita, finas poutas de lanza e este bravo corazón infatigábel.
jeudi, avril 28, 2011
INFANCIA E LECER (ARTIGO PUBLICADO EN "LA REGIÓN")
De volta xa destes días de repouso, comprobamos, unha vez máis, o ben que senta iso de estar ociosos/as. Nótase nos rostros relaxados e na amabilidade das persoas. A tensión previa acumulada parece absurda ao comtemplármola con certa perspectiva. Daquela, se somos listos/as, caeremos na conta das actitudes pouco, ou nada, construtivas que, nalgún momento, puidemos ter manifestado. A cousa está clara: a ociosidade non é un luxo, é unha necesidade. Un dereito. Os beneficios son obvios, pois, ao empregar esas horas libres para facer o que nos gusta, ou, simplemente non facer nada, recuperamos o sentido do humor aniquilado polo desgaste. Cómpre entón que 'santifiquemos' as festas, que nos dediquemos á súa defensa ,sen complexos nin culpas, e procuremos que os/as cativos/as tamén dispoñan e disfruten das horas de luz. Que xoguen. Moitísimo. Que desenvolvan as capacidades sociais, que aprendan a compartir, a ser xenerosos/as. Que se solten.
Ningunha escola pode aprendernos a vivir. Lamentabelmente, o de ser felices é un conto de fadas, interrompido xusto no medio? Casaron e foron felices? Por canto tempo? Que foi, por exemplo, de Brancaneves ao descubrir que o seu príncipe era un 'pimpollo' egoísta e que o seu amor cursi resultaba tedioso? Como se sentiu ao comprender que vivira unha escravitude doméstica na casa dos ananos?
Evidentemente, a Brancaneves, como a Cincenta ou Rapunzel, ninguén lle dixo que a liberdade é o máximo don. Todas viviron laboriosamente, metidas entre catro paredes, porque, alguén ten coñecemento de que xogasen ao fútbol, ao rescate ou ás canicas? Ninguén. Tampouco non existe documentación ao respecto da educación sexual recibida, así é que de comprobar, comparar e, posteriormente, decidir, nada de nada. Pola súa banda, os príncipes, rodeados de adoradores e asistentas, nunca xogaron a nada que non fose brutal e sanguiñento, mentres as súas homónimas, as princesas, vivían en estado de reclusión, metidas nun castelo que, sen o pretender os autores destas historias, rematou por converterse na mellor metáfora do exilio infantil das sociedades capitalistas. A rapazallada malvive nas cidades sen luz, correndo dunha actividade extraescolar a outra. A inocencia, o seu máximo dereito, roubámosllo nós ao condenalos á falta de aire.
Inscription à :
Publier les commentaires (Atom)
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire