mardi, janvier 13, 2009

MANIFESTAÇOM EM COMPOSTELA O DOMINGO 18 DE JANEIRO ÁS 12:OO

Quérovos contar aquí o que aconteceu estes días no meu lugar de traballo:

A semana pasada recibín unha lista de produtos para facer o boicote ao Estado de Israel polo masacre que están a levar a cabo na franxa de Gaza. Enviouma amabelmente Ângelo Meirao polo Facebook. A devandita lista estaba escrita en galego reintegrado e, como podedes imaxinar, considerei que era perfectamente entendíbel para calquera, for galegofalante ou non.
Como a situación é a todas luces gravísima, decidín facer cen copias e distribuílas entre o profesorado e o alumnado.
Cos compañeiros non houbo ningún problema e se o houbo eu non me enterei. Quero dicir que cada un fixo o que lle petou coa información entregada, dependendo do seu criterio e da súa sensibilidade porque, xa sabedes, na Galiza hai de todo, como na botica.
Non sucedeu o mesmo co alumnado que, nunha porcentaxe mínima(todo hai que dicilo),fíxome saber que consideraba que eu os incitara a facer o boicote e que iso estaba "mal". Criticaron tamén que lles entregase o texto "nunha cousa que non se entendía nin se sabía o que era"

Queridos bloggers, a luita é bem difícil e o desconhecemento é tam grande que uma pessoa pode perder as ganas de fazer o que seja com gente assim. Mais a luita ha seguir ADIANTE tanto en prol da lingua coma da paz fronte ao abuso de poder colonialista.

Digo isto porque apoio toda manifestación e boicote contra o Estado sionista de Israel aínda que debemos ter cuidado e non caer no populismo antibelicista, quero dicir que hai outras guerras no mundo moi graves. Lembrade o afán colonial de China co pobo tibetano que, mesmo que estea vivindo nunha ditadura, ten dereito a autorecuperación sen ningunha intervención allea. Sexamos claros, o paternalismo chinés resulta pouco creíbel e, sobre todo indignante pois, coma o Estado de Israel, ten claramente un desexo de ocupación territorial e poder. Amais os métodos empregados(queima de textos relixiosos, ataques contra os monasterios e esterilización de mulleres)distan moito da simple preocupación pola liberación do pobo tibetano que, por outra parte non pediu ser liberado...

Outra guerra terríbel é a que ten lugar na República Democrática do Congo entre tutsis e hutus, iso sen contar a explotación dos xacementos de ouro, petróleo, diamantes e coltán por parte de distintas multinacionais occidentais de EEUU, Bélxica e Inglaterra entre outros. Iso si, este abuso como non leva tanques nin bombas senón que se fai por medio de empresas e obreiros pois... Parece que non é tal abuso.

Así son as cousas pero como esta información non é a que escoitamos cada día nas distintas televisiósn ao servizo do Estado Español, todos os que teñen interiorizado o discurso españolista que, sexamos sinceiros, molesta menos, séntense ofendidos por unha simple lista ou unha lingua que non estudan na escola...
Molestos ou cómplices?


Eis máis fotos do masacre:







INTERESANTE: ESCOITEN

11 commentaires:

Carlos Callón a dit…

Galiza este domingo será Gaza!

Un bico moi forte e moito ánimo!

Chousa da Alcandra a dit…

Está clariño que a sensibilidade das persoas -entre outras baremacións- mídese pola sua capacidade de ver o sofrimento e as inxustizas na pel dos outros.
Se os governantes miran cara outro lado, temos que ser os cidadáns, coa nosa propia voz e cos nosos propios códigos, os que berremos ben alto dende os foros que esteñan ao noso alcance: Abonda xa!!
Pero ti ben sabes que quen non quere entender... e escuros non nos entenden, non.

Ánimo! Somos moitos os que pensamos así

Galiza con Gaza!

xOsedorrio a dit…

O mestre que tiven en "Retos actuais da política", Jaume López preguntábanos si nos deberíamos sentir culpables polos abusos que cometen os países dominantes sobre os máis desfavorecidos; eu fago miña a súa resposta:

"Eu non son culpable do que pasa a miles de quilómetros de onde vivo e sobre o que nadie me preguntou nada. Pero a medida en que a miña maneira de funcionar aquí xera o que os economistas chaman "externalidades" -consecuencias non intencionais nin desexadas previstas das miñas accións, pero que con información podo recoñecer- a miles de quilómetros, síntome, en parte responsable.

A culpabilidade paraliza, a responsabilidade empuxa a actuar, a actuar en consecuencia."

Si consumindo produtos israelís, ianquis, chinos,... estou financiando os abusos das grandes potencias no terceiro mundo e son, por tanto, responsable -en parte- deses abusos, de tal xeito que, unha vez son consciente disto, teño a obriga de reflexionar e decidir si quero seguir pagando ou non esa guerra. Eu teño claro: de min non sairá, conscientemente, un só céntimo para eses conflictos.

Anonyme a dit…

A Historia dá moitas voltas e mesmo repítese con distintas personaxes e escenarios. Así vemos coma os xudeus que foron no pasado vítimas do holocausto nazi, son eles agora os nazis do noso tempo con esa masacre cruenta sobre o pobo palestino. Eu expreso a miña condena absoluta desta arrepiante e desproporcionada acción bélica do sionista Estado de Israel, ao tempo que reclamo un boicote total contra ese estado, máxime cando outros pobos pacíficos levan xa moito tempo soportando bloqueos e boicotes a todas luces inxustos. Por outra parte, síntome orgulloso de ser galego por moitísimos motivos, en particular, neste caso, porque o pobo galego sempre fixo a súa Historia con dignidade e sen ter que avergoñarse de nada semellante ao que fixeron os nazis e hoxe repite o Estado de Israel. Desexo unha Galiza feita por xente boa e xenerosa, así somos @s galeg@s, e eses aprendices de fascistas saben (ou deben saber) que son minoría nesta nosa terra, afortunadamente. Aprezo a coraxe e o esforzo impagábel de Rosa. Parabéns e moito ánimo! Unha aperta

Anonyme a dit…

Moito ánimo, Rosa, e moitos parabéns por esas fantásticas iniciativas!

Cousas ás veces pequeniñas, nas que por veces case nin reparamos, son as que moven o mundo.

E propostas como as túas son precisamente as que axudan a construír un sistema educativo merecente de tal nome.

Os días 18 deben ter algo de máxico: o pasado 18 de maio as rúas de Compostela ateigáronse de voces a reivindicaren que a nosa lingua exista plenamente -é dicir, que NÓS existamos plenamente (e non só a medias); este 18 de xaneiro estaremos a reivindicar o dereito a existir dun pobo, o palestino, que algúns queren exterminar. Con el, reivindicamos o dereito a existir de todos os pobos, linguas, culturas...

Os asasinos poden matar muita xente -alguén dixo que matar é o máis fácil, a "vulgaridade suprema" -porén estou certo de que xa fracasaron para sempre. Como xa dixo Castelao dos nosos propios opresores, os israelís tamén son uns imperialistas fracasados.

Un bico,

Fran

Alberte Momán Noval a dit…

aló estaremos. Non máis agresións!!!

Carlos Callón a dit…

Lindos os comentarios que vin aquí. Moi lindos, moi acertados e moi xustos.

Se non se educa para a paz, para ter un espírito crítico e para recoñecer a diversidade do planeta e tamén a diversidade da nosa propia sociedade, QUE SERÍA EDUCAR?

Un bico!

Son Unha Xoaniña a dit…

Moi ben por ti Rosa.
Penso que un mestre nos só ten a obriga de ensinar as materias correspondentes. Debe tamén influir no noso espíritu creando conciencia. "Facer persoas", íntegras e con capacidade de crítica é unha gran responsabilidade da que non son conscientes moitos profesores. Por iso Rosa que non te boten cara atrás actitudes duns poucos, por que precisamente ises poucos son os que mais necesitan da concienciación.
Eu sempre lembrarei a un profesor, de Literatura, que nos abriu os ollos politicamente e fixo nacer en min a conciencia política nuns anos, nos que por desgraza pouco se podía falar desas cousas e case de ningunha, (como din os máis vellos que aquelo non se repita)
Bicos.

Nelson a dit…

Existe uma falta de consciencia politica enorme entre os mais jovens, que acabam por se afastar do mundo e dos problemas que, mesmo regionais, são de todos nós.
Cabe-nos fazer chegar informação para que todos possam fazer ser juízo, apartir do que realmente acontece no mundo onde habitamos.

Anonyme a dit…

O resultado desexábel do ensino obrigatorio non é que os mozos e mozas aprendan cousas de memoria, senón que se formen coma cidadáns libres e polo tanto con espírito crítico. Homes e mulleres que saiban facer preguntas e darlle voltas as cousas para seren logo capaces de tomar unha decisión xusta. A escola non pode ser un lugar onde se negue a realidade; ten que ser un espazo de debate onde esa realidade, por complexa que sexa, poida ser analizada e explicada. Na escola hai que falar de Gaza, e do Tíbet, e dos millóns de seres humanos que pasan fame, e tamén dos cárceres que hai aquí a carón nos que se incumplen dereitos que deberían ser esenciais. Na escola non hai que falar só de matemáticas e de lingua; hai que falar, sobre todo, de paz. Mesmo cando se explican as matemáticas é posíbel falar de paz (http://www.emis.de/journals/ZDM/zdm983a2.pdf).

Mariño a dit…

Son un parvo sentimentalista que ao escoitar a dor na voz do subcomandante emocioneime...
Saúdos!