samedi, septembre 19, 2009

A CASA DE OTUOS UAIM




HAI ENTRADAS AO INFERNO QUE TEÑEN VENTÁS PRECIOSAS como aquelas da casa grande de Otuos Uaim, ondeando no cume da aldea, acirrando ás árbores para quitarlle o oxíxeno e deixalas secas.
Era tan sinistra e secreta aquela casa enorme que todos fantaseabamos con ela. Lóxico pois tiña un aspecto deforme, como se dobrase por fóra ao abanear o mundo tranquilo da aldea coas xanelas verdes, sempre en alerta. Daba a impresión de que chamaba por nós, Vén, anda, vén, escoiteille dicir máis dunha vez, coa voz anguriada, como se precisase de min para algo. Eu quieta, co medo dentro do corpo, agardando, sempre atenta por se chamaba por min outra vez, A próxima irei, soa ou en compaña. Sempre que pensaba niso a misteriosa vivenda eructaba longa e fondamente, botando pola porta un corpo inerte e frío. Se cadra por iso fiquei sempre nesta beira, quero dicir, no plano do real e coñecido, onde diferenciar o aire dun suspiro era tan sinxelo como respirar, e así, inmóbil física e mentalmente, fiquei moito tempo, calada coma unha morta. Mentres, en Otuos Uaim o aire e o mar parecían a mesma cousa, de feito, cada noite, un vento destes que tira con todo, metíase alí de tanto como se abrían as contras e vidrieiras.
Eu sempre pensei que o propio mar cabería dentro, que millóns de persoas serían capaces de bucear na súa insólita inmensidade oceánica, evidentemente convulsa e reveladora. Creo que non me enganaba.

Encantados, así estabamos, engaiolados pola casa ondeante e aqueles ollos arrandeando día e noite, como quen non quere a cousa. Parecía que todos os habitantes da aldea tivésemos bebido unha apócema velenosa e carecésemos de capacidade para o discernimento. Abofé que si. Por iso a nosa submisión era comprensíbel porque cando unha persoa é vítima dun feitizo, e eu coido que esa casa tíñanos enfeitizados a todos, polo menos na miña familia, dende meus pais, pasando polas xemelgas, os avós e propio can, Troski, creo que era, perde capacidade volitiva e vive pendente de quen lle roubou a vontade que, neste caso, foi ese ámbito estraño, refírome á vivenda claro está, que,por estraño que pareza,tíñanos sempre, continuamente, atentos a cada aceno seu. Si, dixen aceno, díxeno e non o retiro pois a mansión parecía estarmos mirando a cada momento e, se algo non lle gustaba, xuntaba as ventás e abría a porta para eructar e, cando facía iso, sentiamos un medo terríbel porque sabíamos de boa tinta que calquera cousa podería saír de aí.
Porén, deste asunto, o máis curioso era que todos, e mira que digo todos,incluído o canario de miña nai, que era a única que o cuidaba, andabamos como atados entre nós por algo. Non sei, non sabería explicalo ben pero, e para que se entenda, eu diría que estabamos pegados por lazos invisíbeis. É máis, polos lugares por onde pasabamos arrastrabamos as cousas coma se fósemos imáns, eu polo menos tiraba con todo, como cando era cativa-cativa e o prendedor do pelo enganchaba cos fechos, cos abrigos ou coa trandeira da roupa e logo levaba aquilo detrás de min contrariada ao comprobar que todo, absolutamente todo, podía ficar permanentemente unido a min. Por iso, cando vin aquela glotis de estalactitas aberta aledeime moito ante a posibilidade de romper coa monotonía de arrastradora magnética que levaba e pensei que tal vez houbese algo interesante detrás e pagase a pena investigar, andar aí, no medio e medio e descubrir o que houbese que descubrir, iso si, si é que algo ou alguén vivía alí dentro e manexaba os fíos…


------------------------------------- -----------------------------------


ENTÓN, COMA SEMPRE, A MEMORIA DEVOLVEUME AS FERIDAS, o pano branco da avoa e aquela saia da miña nai a que permanecín prendida tanto tempo. Tiña sete anos e mexaba por min cada noite, do medo que tiña de todo, Tiñas medo de todo?, Si, sobre todo dun anano gordecho que sempre estaba enriba da coqueta, firme, cos ollos extraviados, como se disimulase, Disimular… e que ía disimular o pobre do anano?, Nin sei, Pero, preséntate, primeiro di quen es, con nome e apelidos, identifícate, non fagas como ese, ou esa, que che envía letras de amor procedentes dun foco infeccioso como esa cova na que pretendes entrar. Vale, son Area do Souto Piñeiral-Cadrado, Ah! e que máis?, Que máis de que?, Que que máis podes contar de ti, muller…, Agora o único que me vén á cabeza son os cartos que gastei naquel avión de cinco metros que metín na corte das vacas, ha ha ha, Pero, viraches tola? Como vas meter un avión de cinco metros nunha corte?, Era un avión de cartón e podíase pregar, que hai que explicarcho todo…
Como aquela casa oceánica?,

Despois desa pregunta, Area do Souto-Piñeiral Cadrado, a muller trasladadora, meteu as palabras dentro da gorxa e alí ficaron uns corenta segundos antes de saír disparadas coma frechas: a casa de Otuos Uaim nin mentala, oíches?

A BOCA DO INFERNO ÁBRESE, VAISE ABRINDO E NIN OS PRENDEDORES PODERÁN ATARNOS Á SÚA BEIRA, QUE É ESTA DE AQUÍ…

1 commentaire:

Chousa da Alcandra a dit…

...e acaban por ser esas preciosas ventanas as que nos levan direitiños ó inferno!.