dimanche, août 30, 2009

CRUELDADE INFINITA





HAI ALGO EN TI QUE SE DILATA
que inflama
até abrir as entrañas.
Así abren as caixas
e as botellas.
Venus saiu dunha concha
/contaminante
encheu o mar de escuma e de beleza.

Nada hai máis cruel
que ser deusa ou esposa.

PERO HAI ALGO EN MIN
QUE NON RESPIRA.

Se cadra teño muros de seda
na cabeza
ou asubíos de cebra niquelados
e eu a tremer
a revolverme
coma unha bóla de gas.


PERO HAI ALGO EN TI.

Talvez sexa o idilio saboroso
e aquel manifesto contra a pobreza.

Cando somos pobres
amamos os cintos de ferro.
O noso murmurio vai acorde
co murmurio do leite
reberverando nas cuncas.
A política é o mellor analxésico.
Dosifica a realidade
en proporcións plastificábeis.

-Ás veces, amor,
a escuridade nunca se acaba.-

PERO AHI ALGO EN NÓS
QUE NOS ATA...

Afeitas ás corazas
ábrimonos por dentro
coma unha froita poderosísima.

E seguimos a merecer
un himno
unha espada
un templo.

-Mais os templos, amor,
bendicen a mentira
perdóannos.
E ti non debes esquecer nunca
que a condescendencia
é unha crueldade infinita.-

4 commentaires:

Chousa da Alcandra a dit…

Hai algo en cada quén que o fai todo complicado e á vez doadamente alcanzable e posible.
Hai algo que se dilata para afogarnos, atados. Cecais semelle unha incongruencia a procura de espazos máis amplos que nos opriman...

Bicos para a Venus, e bicos para a poeta

neno a dit…

Xa fai que non viaxaba por estas terras e sinto que mudou o clima, a súa vexatación tornouse máis íntima, atopei fendas polas que escorréganse os fíos platificados que afogan os dentes e non os deixan medrar.
Apertas e parabéns polos textos.

vermella a dit…

Ai!! precioso!!!que maneira de expresar tés,ese hai e ese pero como fondo da verdade de tódalas verdades:a condescendencia é unha crueldade infinita....
bicos.

Xan a dit…

Moi fermoso Rosa, refirome a este post e tamén o de Amargama.
Parabéns