jeudi, décembre 16, 2010

ARTIGOS PUBLICADOS EN "LA REGION"




CITIZEN
O retrato do capitalismo. A descrición da mentira. A revolución dun mercado que mecaniza o instinto e ese insoportábel brillo aceitoso do servilismo, determinado sempre polos intereses. En síntese: a estética dos feitos políticos como manifestación artística. O resultado: Citizen, unha experiencia política do sensíbel que nos fractura soliviantando o ánimo, sen deixar por iso de ser, por momentos, hilarante. Algo que se agradece na medida en que destensiona, permitindo que, como espectadores, poidamos asumir máis responsabilidade intelectual. Deste xeito, entramos no invisíbel, nese drama social que se denuncia: a globalización e o consumo conspicuo. Así, sen deixar de botar unha boa gargallada, de cando en vez, a obra visibiliza nese espazo baleiro, o xermolo do neoliberalismo na Galiza da transición. Daquela, tendo en conta que a globalización é un asunto político que Citizen ousa ridiculizar con agudeza, podemos afirmar que a obra atrae polo seu xeito de se enunciar, explicitando nun cadrado austero as vértebras do Capitalismo, o esquema dun sistema hipócrita. En resumo, a desaparición da solidariedade a prol do individualismo dunha humanidade mecánica, indiferente á dor allea: egoísta. Traballadora e moi cumprida. Sen tempo para amar. Así é que, cun pensamento sólido, Citizen configura no escenario a estrutura invisíbel da insolidariedade e do abuso, tecidas, ironicamente, dende a boísima educación dos seus usuarios. Ao meu parecer, o gran acerto de Chévere é dar luz, literalmente, a un feito político incuestionábel: a violencia estrutural. Por esta razón, a escena das mulleres pegadas ás máquinas de coser, que rematan por caer desmaiadas, constitúe o punto álxido da obra. Non só destas dúas primeiras partes, mais case ousaría dicir que da terceira que, segundo teño entendido, hase representar tamén na Nasa durante o mes de febreiro. Conto con vela



WIKI WIKI
Do Waka Waka de Shakira ao Wiki Wiki. O mundo patas arriba, denunciado por Eduardo Galeano -“Patas arriba: la escuela del mundo al revés”-, cobra sentido a día de hoxe. Para aquelas persoas que calificaban de “peliculeira” a idea de micrófonos ocultos, espionaxe e prácticas políticas carentes de ética, aí lles vai o agasallo en Wikileaks: todas cantas mentiras foron chegando aos medios de comunicación ao descuberto. Os verdadeiros intereses en Irán, a preocupación pola influencia de Putin, a percepción real de Zapatero –romántico dunha esquerda trasnoitada- ou o desexo de illar a Hugo Chávez etc etc… Todo isto e moito máis nos principais xornais do mundo. E disque aínda quedarán cousas no tinteiro para protexer a vida de determinadas persoas!. Ante este panorama, dicir que a verdade supera a ficción, sería incidir nos tópicos, sintetizar o abuso social, político e económico -exactamente nesta orde- dun estado que merece o noso desprezo. É Estado Unidos o país das guerras necesarias, pretendidamente inevitábeis. As vítimas: as persoas. Lembremos os abusos cometidos durante a Guerra do Vietnam, na aldea de My Lai, relatados polos militares asasinos -“Non era difícil atopar xente para matar, estaban por todas partes. Corteilles a gorxa, a lingua e o coiro cabeludo. Moitos soldados o facían e eu o fixen tamén”- ou o masacre en Irak, pois ,segundo a Opinion Research Business (ORB), o número de vítimas mortais neste país superou os 900.000 do xenocidio de Ruanda. Por todo isto, será mellor non insistir no espanto que produce nas nosas mentes, confirmar que o intuído é certo, que estamos indefensos/as fronte á falta de humanidade de gobernos suicidas e “meritócratas”. No entanto, si cómpre reflexionar sobre a tendencia a deixarnos arrastrar polo brillo que desprende o poder e a pretendida normalidade demócrata. E polo que respecta á fraude protagonizada pola política estadounidense, o propio nestes casos: “Que la boca mentirosa/ incurre en tan torpe mengua,/ que, solamente en su lengua/ es la verdad sospechosa.”

1 commentaire:

Son Unha Xoaniña a dit…

Como ben dis a realidade supera a ficción.
Eu particularmente quérome facer superficial, non sei se poderei, pero é o meu desexo este nadal, para poderem soportar os anos vindeiros...
Saúdos.