Weblog de Rosa Enríquez Para o repouso teño palabras coma esferas, redondas e suaves. Para a loita, finas poutas de lanza e este bravo corazón infatigábel.
jeudi, octobre 25, 2012
SITIO DISTINTO ARTIGO PUBLICADO EN "LA REGIÓN" (CORRIXIDO)
SITIO DISTINTO
Galicia caníbal: embutida nun bucle temporal. Devastada tamén. E burlada. Esa especie que nunca se extingue, a daqueles e daqueloutras que tecen a rede plutócrata, segue aí, á sombra do limoeiro. Son xente que vive á marxe da realidade social, porque, evidentemente, pode facelo. Hai unha importante porcentaxe de poboación que, ou ben apoia as súas políticas inxustas, por crueis coa clase traballadora, ou ben considera que son as 'menos malas'.
Deixando a un lado as análises psicoxeográficas que explicarían este gusto existente en Galicia pola dereita neoliberal españolista, cuxa preocupación polo noso idioma é ínfima, parece claro que Feijoo, convenceu a unha parte importante da cidadanía galega. Na esquerda, a pesar de que, evidentemente, non imos celebrar que se perpetúe un partido cun ideario que rexeitamos, sabemos recoñecer esta 'victoria' electoral que, en gran parte, é debida ás abstencións, conste.
Entón, unha vez recoñecido isto, penso que podemos seguir mirando cara adiante e alegrarnos dos resultados obtidos por AGE que conseguiu ser a segunda forza en 21 concellos. Certamente, Beiras tivo un papel ben importante neste éxito, porque, sexamos realistas, un partido político de tan recente formación, non tivo o tempo suficiente para se facer escoitar tanto como podería de ter comezado antes na escena pública.
Daquela, creo que cómpre ser optimistas, pois o feito en si mesmo dá azos suficientes como para considerar unha 'futuríbel' evolución na recepción da mensaxe que esta formación política pretende transmitir.
A cousa está clara, non importan os anos. Importan os quilos, de capacidade de traballo, obviamente. Da intelectual xa non dicimos nada, pois todo o mundo sabe quen é Xosé Manuel Beiras e como se desenvolve no ámbito cultural, político e social. Non é que toque o piano e poida aprezar en toda as súas dimensións os discursos máis novidosos da arte e da literatura, sexa esta galega ou non. É que esta delicada sensiblidade permite que se confíe máis aínda nel, pois, se somos minimamente honestos/as, recoñeceremos que unha das calidades máis necesarias nun representante do pobo é a empatía. Poñerse no lugar da outra, ou do outro, que ten contratos penosos ou, peor aínda, que está no paro cunha familia que manter, esixe certa delicadeza que, segundo se observa, Feijóo non posúe.
Non é que a altura intelectual de Beiras lle quede lonxe, é que nin sequera pode albiscala. As cousas como son. E claro, visto dende un punto de vista humanista, como o de José Luís Sampedro (Barcelona, 1917), Stéphane Hessel (Alemaña, 1917) ou Edgar Morin (1921), faise evidente que necesitamos máis calidade humana e menos liberalismo.
Daquela, máis capacidade de análise para poder resolver os problemas económicos sen castigar sempre á clase traballadora. Estes intelectuais que acabo de citar son, como se pode aprezar, xente moi nova e vibrante. Iso é o que se observa en Beiras, que non é cínico porque vibra. E nós vibramos con el. Perseveramos.
Inscription à :
Publier les commentaires (Atom)
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire