samedi, octobre 12, 2013

CANTOS DE MALDIZER











CANTO DOUS

... é que nin sequera nos mirou. aquel riso amábel foi unicamente un exercicio mecánico para protexer o segredo: a espiña seguía aprentándolle a gorxa cun vento frío que fluía por ambos lados. por iso enfríaba o silencio-porque as temperaturas desa zona interior facíanse extremas. a intensidade ficou pois prendida nese pau fino. quieta...


se puider cantar este canto botariamos por fóra a delicadeza contida na fríaxe. poderiamos ir ao centro do forno e liberar tanta angustia conxelada: arderiamos por dentro-pero talvez nunca poderiamos extirpar o temor. a impresión que o medo suscita permanece nalgún lugar da memoria-queda alí oculto. reaparece cando menos o esperamos. gustaríame ter un mapa para transitar polo inferno e non perderme nesas caras-tantas e tan idiferentes-co seu aparente estupor.


...é que non había moito que mirar-así é que colleu o aire que lle saía pola boca e meteuno naquela caixa das cousas terríbeis. ás veces creo que gardar o que nos arrebata a calma en caixas é un modo de suspender o tempo. coma quen deixa a dor para máis adiante porque se cadra é certo iso de que co tempo adiquirimos certa perspectiva. pero a espiña aínda estaba alí: rompendo a dor en dúas mitades...


caerán cristais dos ollos das casas e o ceo botará peixes sobre nós. e que caia de todo por todas partes!

 

Aucun commentaire: