vendredi, octobre 02, 2009

NA BEIRA DE AQUÍ, O CAVORCO CENTRAL





NA BEIRA DE AQUÍ...
Area do Souto-Piñeiral Cadrado anda agora polos camiños, co paquete de tabaco no peto do pantalón e unha caixa de mistos grande, daqueles que usaba a avoa para acender a cheminea. Leva detrás as bonecas, os libros e unha tira de panos de cociña larafuzados de graxa. Troski, pegado a ela, coma un zombie. Nin palabra. Os dous en silencio. Só o ruído das follas molladas, dos coitelos, dos garfos e de toda a ferramenta doméstica que parecía cantar ese tin tan tin acorde coas campás da igrexa. Nada máis.
No ceo, as nubes inchadas de gas e un sol de dez centímetros colgando do teito celeste coma unha lámpada vella.
Atrás as caixas, o caldeiro do lixo, as mudas de roupa limpa, as sillas, o arcón de madeira podre e as sabas de liño.
Magnéticos e silandeiros, can e rapaza mastigan secretos que nunca serán contados, palabras cheas de sombras e amores metidos no oco do corazón.
Ás veces páranse para mirarse, fitando o un cara a outra, sen dicir nada.
Na aldea todas as veciñas queren saber que pasa, que é o que din, porque o fan dese xeito e como o conseguen. Nada. Niguén sabe nada.

ENTÓN A BOCA DO INFERNO ábrese no núcleo da montaña máis redonda, entre as xestas. Inevitabelmente, o universo de cavorcos deixa paso a toda esa morea de obxectos perseguidores, róuballes o tin tan tin e traga con todo.

Alá van o can, a nena, as bonecas, os libros, a tira de panos de cociña larafuzados de graxa, os coitelos e a ferramenta toda para morder.Tamén as caixas, as mudas de roupa limpa, as sillas, o vello arcón de madeira podre,as sabas de liño... Todo, absolutamente todo, esbara terra abaixo, ao fondo, cun tran-ca-trán-tan-tan-tan.
Mentres, Otuos Uaim, a inmesa morada oceánica, arrastra o sol para dentro...

6 commentaires:

Chousa da Alcandra a dit…

Que razón me levaría tan axiña a deducir que Troski era un can?

...beijos de Antas moi mollados pola auga de outono

Son Unha Xoaniña a dit…

Gústame Otuos Uaim, esa inmensa morada oceánica, que arrastra o sol para dentro e secadra quedase con él.
Bicos.

Eulogio Diéguez Pérez (Logio) a dit…

A rapaza e o can tamén?. Triste relato.

rosa enriquez a dit…

Si.Polo de agora por aí vai todo, can e rapaza tamén. Triste? Pois... si... ou non. A ver que pasa... En todo caso, tiña que ser alegre? Bicos a todos e moitas grazas por pasar por aquí e deixar a vosa pegada.

Anonyme a dit…

Qué pequeniños somos diante dos ollos de Otuos Uaim. Mesmo comestibles, vaia por deus...

Esa teima de lle chamar aos cans Troski non pode ser boa. Soupen de outro que se chamaba igual. O dono mandaba aos fillos a pasealo. Eran troskistas os rapaces. Vaia por deus...

Saúdos

rosa enriquez a dit…

Obrigada pola vosas visitas. E benvido/a setesoles! por estes lares. Grazas por petares en Valdeorosa. Bicos